Susana Seivane recibe na Festa da Gaita en Arzúa a primeira homenaxe pola súa carreira

La Voz ARZÚA / LA VOZ

SANTIAGO

Susana Seivane, onte en Arzúa co grupo Devagarinho, de Villestro
Susana Seivane, onte en Arzúa co grupo Devagarinho, de Villestro Cedida

A localidade festexou a música tradicional galega con numerosos grupos nos pasarrúas e os cantos de taberna

07 abr 2024 . Actualizado a las 05:05 h.

Susana Seivane recibiu este sábado en Arzúa, «emocionada e agradecida», a súa primeira homenaxe pola súa carreira. A primeira de xeito particular, a segunda tendo en conta a que recibiu no 2014 ao recoñecerse a traxectoria, como músicos e artesáns, da familia na que ten as súas raíces a popular gaiteira. As dúas homenaxes, no marco da Festa da Gaita Galega. A de onte foi unha homenaxe á propia traxectoria musical da máis coñecida dos Seivane, que se desprazou á terra do queixo para participar nunha festa, lembrou, «moi familiar» na que estivo rodeada de varios centos de músicos e de afeccionados ao folclore popular galego, procedentes de toda a xeografía galega.

De xente de Melide, Boqueixón, Oroso, O Pino, Santiago, Lugo, A Coruña, Arteixo, Sada, Oleiros e Culleredo, entre outros concellos dos que se desprazaron máis de trinta agrupacións musicais á Festa da Gaita de Arzúa, levou aplausos Susana Seivane nun merecido recoñecemento a súa traxectoria artística, que lega, de momento, sete traballos discográficos á cultura musical galega.

A «autoesixencia» que a propia Susana Seivane confesa que se impuxo polo peso de pertencer a unha prestixiosa familia de gaiteiros foi decisiva no seu crecemento como artista, recoñecida e querida, como onte quedou de manifesto en Arzúa.

Logo da homenaxe á gaiteira de Cambre, as formacións musicais que se deron cita na Festa da Gaita ofreceron un pasarrúas conxunto polo centro da vila, tras o que se celebrou un concorrido xantar de confraternidade. Dende media tarde, os cantos de taberna empezaron a ambientar e a encher máis dunha vintena de locais de hostalaría de Arzúa, prolongado a festa ata o remate da xornada, que comezara a media mañá coa alborada e a recepción aos grupos musicais participantes.

No acto institucional de homenaxe a Susana Seivane, celebrado con asistencia de numeroso público no recinto feiral Terra do Queixo, participou o alcalde arzuán, Xoán Xesús Carril, que louvou a traxectoria profesional da artista e a súa personalidade.