Liñares Giraut leva a Cuba a historia de Feiraco

Emilio forján NEGREIRA / LA VOZ

A BAÑA

CEDIDA

O catedrático de Historia mantivo un encontro coa xunta directiva da Unión Barcalesa de la Habana, a única entidade de emigrantes barcaleses no mundo

27 abr 2015 . Actualizado a las 17:32 h.

O vicedirector do IES Xulián Magariños e catedrático de Historia, X. Amancio Liñares Giraut, mantivo un encontro coa xunta directiva da Unión Barcalesa de la Habana, a única entidade de emigrantes barcaleses no mundo, durante a súa recente viaxe ao país caribeño, que comeza a experimentalos cambios cos avances nas relacións cos Estados Unidos. En Cuba, o historiador barcalés participou no festival La huella de España, dedicado este ano a Galicia, pronunciando unha conferencia sobre o Camiño de Santiago, no Museo Nacional de Belas Artes, en La Habana.

Fíxolle entrega do libro sobre a obra de Jesús García Calvo, presidente-fundador de Feiraco, xunto a unha carta remitida polo presidente da cooperativa, José Montes Pérez. O presidente da Unión Barcalesa, Manuel Rodríguez Barreiro, con raíces na Baña e en Santa Comba, e maila secretaria, Conchita Suárez Morilla, foron os encargados de recollelos no Centro Galego da Habana.

Liñares tamén entregoulle sendas cartas e agasallos remitidos polos alcaldes de Negreira e A Baña, Juan Rey Maceira e Andrés García Cardeso, respectivamente, e acompañou á directiva na visita ao cemiterio de Colón, na homenaxe á sepultura de Rolando Pérez Palmero, quen fora presidente, durante máis de corenta anos, falecido en xuño de 2013.

Entre os encontros mantidos, destaca a súa vez, a visita ó Instituto Preuniversitario Rosalía Abreu, a cuxo director, Raidel Mirabal, entregoulle material divulgativo do instituto Xulián Magariños barcalés, e unha carta do director, Adelino Pose Reino, xunto cun lote de cartas do alumnado de segundo de bacharelato, para intercambio de correspondencia co alumnado deste centro escolar habaneiro. Proximamente, ambos institutos asinarán un protocolo de colaboración, xa preparado.