Imagen:

Catro maianas e un crego

Xesús Carro documentou esta imaxe en 1924


Viaxemos aos anos 20. En concreto a 1924. Consulto os fondos da biblioteca do Instituto Padre Sarmiento de Estudos Galegos, no barrio de San Roque, en Compostela. Elixo, entre as moitas imaxes e documentación aquí custodiados, esta foto. Está pegada nunha ficha de cartón. Leva un escudo onde se le: «Seminario de Estudos Galegos. Compostela». Na parte superior figuran os datos precisos. Fonte: Xesús Carro. Data do documento: 1924. Lugar: Brión. Provincia: Cruña. Seizón: Etnografía. Tíduo: Grupo de Mahianas.

Estou diante dunha das fichas superviventes do desmantelamento que, en 1936, padeceu o Seminario de Estudos Galegos (SEG) que un grupo de galeguistas creara en outubro de 1923 en Ortoño (Ames), na casa onde vivira Rosalía de Castro.

O escudo que teño diante é o que deseñou Castelao, e o nome manuscrito, Xesús Carro, é o do director das seccións de Arte e Arqueoloxía daquela institución que sobreviviu á ditadura de Primo de Rivera pero que non lograría resistir aos fascistas.

Xesús Carro (Santiago, 1884-1973), crego, arqueólogo, escritor, foi un dos sustentadores daquel xa mítico SEG que pretendía divulgar o patrimonio cultural galego e formar investigadores, unha institución que logrou integrar a un abano inédito, por extenso, da intelectualidade galeguista daqueles días.

O Seminario estaba estruturado en doce seccións e todos os traballos debían ser redactados en galego. Foi a primeira vez. Como dixemos, en 1936 foi destruído por Franco. Unha década despois (1944) creábase o Instituto de Estudos Galegos Padre Sarmiento. Xesús Carro foi un dos vellos integrantes do SEG que intentou salvar parte daquel patrimonio e documentación, o que hoxe chega a nós.

Esta ficha coa fotografía do grupo de mulleres do Val da Amaía é unha mostra. Hai moitas outras, pero esta ten un aceno especial que me fixo reparar nela. Serán esas mans cruzadas das mulleres, rexas, enormes; ou a simetría na súa elegante vestimenta co traxe tradicional; quizais, o ollar perdido cara o chan da máis vella delas... ou a estampa do crego no medio, que olla de esguello, entre tanta muller... Descoñezo a súa identidade, quizais pola zona, quen isto vexa, saiba identificalas...

Hoxe, un grupo de pandereteiras de Ames se chama así, Maianas. Despidamos pois esta Fotohistoria cunha cantiga que ben poderían cantarlle ao crego desta histórica imaxe: «Ai señor cura de Sofán / eu a doutrina non lla sei / Ai, bóteme unha cantiguela / Que eu lla repinicarei».

Votación
10 votos
Etiquetas
Ames
Comentarios