Saias demasiado curtas

Inma López Silva
Inma López Silva CALEIDOSCOPIO

AMES

01 oct 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Volveu pasar, desta vez nun instituto de Ames: un regulamento interno recolle a prohibición expresa de usar «shorts ou minisaias excesivamente curtos, torsos descubertos, camisas abertas, pantalóns excesivamente baixos, escotes esaxerados ou similares». Polo que fose, ninguén reparou nos últimos cinco anos no sexismo inherente a esta norma que, situándose de costas á realidade e á moda, pretende intervir no modo de vestir coma se iso tivese algo que ver con educar.

Obviamente, o problema non é só que para eles sexa máis fácil cumprir a norma, senón a visión sexualizada do corpo das rapazas ao pór o foco nas tetas e no cu: quen define «escote esaxerado» ou «saia demasiado curta»? Unha vez que se disolveu a Sección Feminina e a medición da distancia entre o xeonllo e o final da saia, dependerá do moralismo dos mestres ou do grao de babosez de quen observa (demasiado) como visten as rapazas. Evidentemente, levan as de perder quen teñan as tetas ou o cu grandes. Viva a educación na diversidade dos corpos! Viva a desexualización da infancia!

Os institutos son espazos para educar, non para reprimir. E que a rapazada entenda que a roupa guinda inmensas mensaxes sobre como queremos que nos vexan non debera ser a primeira escusa para afacelos á censura. E se, como se indicou, en realidade a norma non se aplica, por que mantela? Para poñer fácil aos opresores de mulleres o discurso sobre os nosos corpos como fonte de tentación constante? Pouca distancia hai entre iso e culparnos de que nos violen.

Por desgraza, as mulleres axiña aprendemos que é mellor non levar a saia moi curta nin ter a lingua moi longa. Pero esta polémica demostra que xa debera nacer, e estar na ESO, a moza que poida vestir como lle pete sen que a xulguen por iso.