O boi, de onde pace

Ramón Torreiro

ARZÚA

10 mar 2015 . Actualizado a las 05:00 h.

~~A cegoña (Ciconia Ciconia) é unha ave da familia das Ciconiformes que habita no occidente ibérico, principalmente en Estremadura e Castela-León e tamén en Portugal e noutros países de Europa e África. Hai catro anos escribía unha crónica en ?La Voz de Galicia? Laura López, na que salientaba como, no triángulo Sarria - O Corgo - O Páramo, as cegoñas atoparan o seu paraíso. A cegoña nunca foi un paxaro propio de Galicia e menos da Galicia interior.

Hai anos, cando nós iamos á escola as únicas cegoñas que había eran as que viñan no silabario e daquela non eran cegoñas, eran cigüeñas; o mesmo que os esquíos (que non había) eran ardillas, as curuxas, lechuzas; as pegas, marzas urracas e as lóntregas, nutrias. Pero non quero falar desa tan traída e levada diglosia, iso é cousa dos lingüista e dos sociolingüistas, eu quero falar das cegoñas de Arzúa.

Hai aproximadamente dous anos que unha parella destas aves nos seduce na primavera co seu maxestoso voo na procura dun sitio para acomodar o seu voluminoso niño e, parece que este ano, atopárono nunha pluma da construción en Sta. María de Arzúa. Xa teñen as obras avanzadas polo acopio de garabullos que se aprecia dende abaixo. É posible que unha vez que esta parella se quede sirva de reclamo para outras e a poboación de cegoñas medre rapidamente en Arzúa e, daquela, pódense por nos libros de texto como fauna propia do noso territorio.