García MC e Nación Quilombo actúan o sábado no Festivalo de Dodro

La Voz SANTIAGO

DODRO

Manselle acollerá unha nova edición na que se presentarán os locais Pecha a Cansela

20 sep 2023 . Actualizado a las 05:05 h.

A aldea de Manselle, en Dodro, acollerá un ano máis o vindeiro sábado día 23 o Festivalo, un evento musical para pór en valor a música feita tanto no mesmo concello como en Galicia. Pulpiño Viascón e a súa Musicleta abrirá a cita, cun espectáculo humorístico e de animación que o converte nun home orquestra, a cargo dende a percusión ata o acordeón para lembrar as cancións de sempre.

Tempo ás 20.30 horas para música feita en Dodro con Pecha a Cansela, un grupo de rock local que comeza a súa andadura na música: Antía, Lois, Martiño, Jorge, Saleta e Duarte darán o mellor de si. O prato forte comezará ás 21 horas con García MC, un referente do rap en galego que o pasado ano publicou Arquipélago Quilombo, co que di que rexurdiu das súas cinzas para navegar os sete mares. García MC estará acompañado pola súa banda Nación Quilombo.

O Festivalo está organizado polo Concello de Dodro, e conta coa participación do programa Rede Cultural da Deputación da Coruña.