Melide honra como fermento do seu progreso o IES e a biblioteca

Natalia Rodríguez Noguerol
n. noguerol MELIDE/ LA VOZ

MELIDE

NOGUEROL

Ambas institucións recibiron a Medalla de Ouro do Concello

30 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

O Instituto de Ensino Secundario (IES) de Melide e a biblioteca municipal Xosé Vázquez Pintor recibiron onte a Medalla de Ouro do Concello melidense en recoñecemento das súas respectivas traxectorias -de 50 e 40 anos- en prol do desenvolvemento educativo e cultural da comarca. Nun acto formal celebrado no consistorio o día do patrón, San Pedro, e presidido pola alcaldesa, Dalia García Couso, quen ocupaba o mesmo cargo cando se botou a andar a sala de préstamos de libros e de lectura, Javier Rodríguez, identificou as dúas institucións como «o fermento do progreso do Melide actual», nado dunha calidade que lle atribuíu aos veciños, «que sempre tiveron a plena convicción de que o progreso dos pobos parte da cultura».

E así lembrou o primeiro alcalde melidense da democracia o patrimonio municipal que houbo que vender para construír o instituto e para pagar as nóminas dos profesores «moitos anos». Tivo ademais palabras de recordo para os tres mestres que fixeron posible «de xeito xeneroso» a posta en marcha da biblioteca. A filla dun deles, José Carreira, presente no acto afirmou, visiblemente emocionada, lembrar ao seu pai como un home «muy ilusionado y siempre con muchas ganas de trabajar». Tamén de xeito altruísta traballou os primeiros anos a bibliotecaria Ánxela López, que cualificou de «orgullo» compartir co IES a máximo recoñecemento municipal. O centro educativo e a biblioteca son, nas súas verbas, «dúas institucións que medran e camiñan xuntas. Un IES -engadíu-precisa unha boa biblioteca ben dotada para completar a formación dos seus alumnos e unha biblioteca non existiría a este nivel se non contara con unha comunidade educativa preocupada pola formación do seu alumnado».

Pola súa banda, o director do instituto, Ramiro Piñeiro, tamén destacou que no seu xermolo está a vontade veciñal «dunha nai, un pai, un empresario, e dun político que arrimaron o seu ombreiro no obxectivo común de traer para Melide un centro de ensino medio». Afirmou que calquera que gardase relación co IES ten que sentirse honrado por una galardón que «nos da o impulso preciso para afrontar con moitísima ilusión os retos da educación do século XXI, unha educación plural, sostible, integradora, atenta á realidade social en procura dunha formación que busque unha sociedade boa e xusta».