«Non temos orzamento para atender os compromisos»

emilio Forján

NEGREIRA

O rexedor recoñece que atopou retrasos no pago de facturas

02 ago 2015 . Actualizado a las 21:50 h.

O pasado 13 de xuño foi elixido alcalde do seu pobo. Para o socialista Jorge Tuñas Caamaño, esta é a súa segunda experiencia na alcaldía, despois de substituír no 2009 ao entón rexedor, Juan García Fuentes. Agora, di que é distinto, porque foi elixido pola maioría dos seus veciños, aínda que o seu partido quedouse a un edil de obter a maioría absoluta, igual que lle sucedeu hai catro anos cando o pacto de dereitas apartou ao PSOE do goberno municipal.

-¿Como está sendo este primeiro mes de alcalde?

-Pois moi intenso en canto a traballo. Moita atención aos veciños, e poñéndonos ao día con todo o relativo a proxectos, expedientes abertos e o estado en xeral de trámites. Un día a día moi intenso.

-E cos traballadores e funcionarios, ¿hai colaboración?

-Estamos tendo boas sensacións pola nosa parte. A xente está con gañas e moi activos.

-Pero hai catro anos houbo moita tensión. ¿Que mudou?

-Si, é certo, pero ese non é o noso estilo. Nós fixemos xuntanzas cos distintos departamentos para explicarlles o que o goberno pretende para o bo funcionamento da administración e, poñernos a súa disposición para solucionar calquera problema.

-¿Como afronta gobernar sen ter maioría?

-Cun goberno en minoría non podemos facer todo aquilo que tiñamos comprometido dentro do noso programa. Hai cuestións que temos que consensuar para chegar a acordos, e en moitos casos non van na liña que pensaba que poderían ir. Si é certo que o día a día do Concello depende do equipo de goberno. Pero hai temas como se viu no último pleno cunha subvención para un parque infantil en Covas que tiña pedido o anterior goberno e que non o podes sacar adiante porque non están de acordo.

-¿Vai ser isto unha constante?

-Acaban de confirmarnos outra achega de 29.000 euros para melloras no campo da feira para poñerlle tella á parte cuberta, dunha actuación total de 42.000 euros. Seguro que estamos nas mesmas. Todo o que veña é un problema porque non temos partida orzamentaria suficiente para atender os compromisos.

-¿E a que se debe esta situación?

-A partida orzamentaria para obras está moi tocada, polo que nos vemos obrigados a recorrer a outras co risco de deixalas tamén tocadas ata final de ano, pero como queira que non haxa consenso, vai ser moi difícil pola parte de recursos que ten que poñer o Concello.

-¿Vai a ter en conta as propostas de Cidadáns?

-Hai algunhas que son para ter en conta nos orzamentos do ano que vén, como a creación dun fondo de cohesión social, que o levaremos adiante para o 2016. Outra medida como a publicación de gasto na web estamos mirando porque nos supón máis gasto de persoal ou de contratación externa.

-¿E os proxectos?

-No caso da estrada a Pontenafonso, xa lle pedín ao deputado da zona, o alcalde de Dumbría, unha entrevista co presidente da Deputación para que escoite aos veciños e aos demais partidos. Co centro de día iremos vendo a posibilidade de acadar fondos para acometelo, pero non será a corto prazo.

-¿Farase a variante do Tamara?

-Este proxecto vai continuar paralizado mentres non teñamos financiamento suficiente. Dicir que se pode facer coa brigada de obras non nos parece acertado. Quizais unha parte, pero non toda, porque significaría ter a brigada moitos meses ocupada nunha obra e desatender o resto. Somos partidarios de facela cun plan de obras.

-E a escola infantil, ¿para cando a ampliación?

-Primeiro temos que arranxar as deficiencias que recolle un informe da Xunta da Galicia. Solicitei unha entrevista á Dirección Xeral de Benestar para coordinar estes arranxos e para tratar o tema de persoal porque tiñamos solicitado catro traballadoras dun plan de cooperación, pero foi suprimido. Queremos corrixir as deficiencias para abrir a parte nova, e logo que nos axuden a contratar as traballadoras para pór en marcha o centro.

-¿Como está a débeda municipal?

-Temos un millón e medio en facturas sen pagar. Hai uns días fixemos unha orde de pago de 215.000 euros. Os datos son preocupantes porque nos últimos catro anos a débeda en bancos aumentou en un millón de euros. En caixa hai un millón menos. Estamos vendo a maneira de axilizalos pagos, sobre todo con provedores pequenos que o están pasando mal, pero hai facturas grandes con empresas.

-¿Que pode facerse coa praza das Brañas?

-Non hai nada novo do xulgado. Estamos pendentes do que ditamine o xuíz. Si está mal feita, como os indicios apuntan, hai que esperar as medidas que estableza o xuíz. Se di o contrario, pois tentaremos que os veciños non teñan que seguir pagando cartos por usar ese espazo. Defenderemos a praza, porque nunca estivemos en contra da obra. Estivemos en contra da forma na que se fixo. Tivemos un primeiro contacto cos donos, pero por outros motivos.

jorge tuñas caamaño alcalde de Negreira