«Xa pensaba na retirada cando o Compos chamou á miña porta»

ORDES

«É un proxecto moi interesante e de moita ilusión, que me chega cando menos o agardaba», afirma o defensa ordense

23 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

David Rey (Ordes, 1984) militou as tres últimas tempadas no Ordes, logo dunha longa traxectoria no Cerceda, onde estivo seis anos. Será un dos homes máis importantes na nova defensa do Compostela, á que aportará unha grande experiencia en Terceira División. O central, pretendido por varios equipos, decidiu mudar de aires ante a incerteza que se estaba a vivir no Ordes. É máis, pola súa cabeza estaba pasando a posibilidade de retirarse.

-Afrontará vostede unha nova experiencia no momento menos agardado, ¿non?

-Cando me chamaron xa estaba un pouco saturado de fútbol. Case que estaba pensando na retirada. Pero cando quen chama a túa porta é o Compostela, todo cambia. Convencéronme de que podía aportar moita experiencia a este grupo e transmitirlle aos meus novos compañeiros o que fun ao longo destes últimos anos. Aportarei moita experiencia e traballo. Tentarei estar dispoñible cada domingo e na mellor forma posible.

-¿Chega a un proxecto gañador?

-En primeiro lugar teño que dicir que este é un proxecto moi interesante, que a min persoalmente me chega cando menos o agardaba. Vouno afrontar con moitísima ilusión. Agora máis ca nunca é cando valoras todos os anos que levas pelexando por tantos campos.

-¿Cal é o nivel deste equipo?

-Aínda esta por definir. Estamos a traballar máis de vinte xogadores e xa en dúas ou tres semanas quedará o grupo da tempada. Pero considero que teremos un nivel bo, medio alto para esta categoría.

-¿Con que obxectivos partirá o novo Compostela?

-Vai ser un ano de transición, no que teremos que inverter moito tempo para conxuntar tantos xogadores. Logo xa veremos ata onde podemos chegar. A idea é rematar o máis arriba posible.

-¿Podemos falar de promoción de ascenso?

-Non me quero mollar. Supoño que só por adestramentos e polas semanas que imos ter de traballo, sería posible, pero a estas alturas é imposible mollarse. A tempada é moi longa e hai equipos moi fortes que se están a reforzar moi ben.

-¿Cales serán os grandes rivais?

-Cerceda, Deportivo B, Bergantiños e Ribadumia. E logo está o bloque da zona de Vigo, como Bouzas ou Choco, que sempre están a facer moi boas campañas.