«Padrón está no bo camiño de saber aproveitar o seu potencial turístico»

Uxía López Rodríguez
Uxía lópez PADRÓN / LA VOZ

PADRÓN

merce ares< / span>

Alberto Rey, técnico de turismo da capital do Sar, afirma que hai visitantes que repiten estancia na vila pola hospitalidade e gastronomía

23 jul 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Alberto Rey Castro (Padrón, 1982) leva catorce anos vinculado ao sector do turismo, seis deles como técnico do Concello padronés, onde comproba cómo o número de visitantes que atende no punto municipal de información turística «é maior cada ano».

-¿Como vai o ano en canto a visitas?

-No primeiro semestre do 2016 levamos máis de 15.000 persoas atendidas, un 40 % máis que na tempada anterior. A este ritmo, contamos con superar os 34.000 visitantes de 2015. Pero somos conscientes de que o número de turistas e peregrinos que se achegan a Padrón é moi superior aos datos manexados e poderíamos falar de 80.000 persoas ou máis que visitan a vila ao ano.

-Entón, o turismo é un sector en auxe en Padrón.

-Sen dúbida algunha. É un dos principais motores económicos do noso país e, en Padrón, non podería ser doutra forma debido a todo o que ofrece a nivel cultural, patrimonial, natural e gastronómico.

-¿Considera que Padrón ten ben aproveitado todo o seu potencial?

-Está no bo camiño de aproveitar todo o que pode ofrecer. Temos a inmensa sorte de ter concentrado un gran número de recursos turísticos en poucos quilómetros cadrados, os cales atraen a un importante fluxo de visitantes. Entre todos, tanto o sector público coma o privado, temos o deber de marcar unha folla de ruta a seguir para facer as cousas ben e non morrer no intento.

-¿Cal é o perfil do visitante de Padrón?

-O visitante que se achega á vila é heteroxéneo. Padrón é un destino que pode abarcar calquera perfil turístico. Pola oficina de turismo achéganse dende familias con nenos, grupos de amigos, persoas que viaxan en solitario e, por suposto, peregrinos.

- ¿Qué o que máis lle gusta ao visitante da capital do Sar?

-Polo xeral, tódolos visitantes quedan encantados con Padrón.

-¿O tempo de estancia na vila é aceptable?

-A estancia nas localidades turísticas é a eterna loita que existe no sector. Estamos cun estudo que nos mostrará o camiño a seguir para que os visitantes aumenten a súa estadía no concello.

-¿E o visitante que vai a Padrón repite?

-Si, temos turistas que tódolos anos visitan a localidade e volven a pasar pola oficina de turismo a saudar e a buscar información de Padrón e do resto de Galicia. Aos visitantes hai que mimalos, tanto dende a atención que nós lle prestamos na oficina, coma en todos e cada un dos servizos que emprega en Padrón. A hospitalidade galega e como non podería ser doutra forma, a padronesa é, xunto coa gastronomía, un dos piares polos que a xente volta a Galicia e a Padrón.

- Neste concello, ¿quen ten máis peso, o turista ou o peregrino?

-Nestes momentos, o número de turistas é superior aos peregrinos. Pero o incremento de camiñantes é potencialmente maior nos últimos anos, polo que non tardará en superar aos turistas.

-¿Axuda ou prexudica a proximidade de Padrón con Santiago?

-Sempre axuda. O vínculo que teñen Santiago e Padrón é tan íntimo que a visita a unha das localidades non se comprende sen a outra. Xa se sabe: quen vai a Santiago e non vai a Padrón, ou fai romaría ou non. Os dous traballan de forma conxunta con 14 concellos máis. Temos que escapar dos localismos e traballar de forma conxunta porque uns complementamos aos outros.