Herbón reparte máis de 3.000 racións de pementos

PADRÓN

SANDRA ALONSO

O cociñeiro Yayo Daporta ofrecerá o pregón

05 ago 2022 . Actualizado a las 22:17 h.

Sábado • Carballeira franciscana de Herbón • 13.30 horas • A parroquia de Herbón, en Padrón, recupera este sábado a festa de exaltación do pemento, que alcanza a 42ª edición. Na carballeira do convento franciscano haberá unha misa ás dez e media da mañá, antes da bendición e inauguración da festa que comezará coa procesión agrícola motorizada, de modo que os tractores irán ben engalanados ata a vila de Padrón para mostrar os produtos da rica horta de Herbón, entre eles o famoso pemento. A unha e media da tarde comezará a exaltación co pregón a cargo do cociñeiro Yayo Daporta, seguido da entrega de premios aos tractores e da degustación. A comisión organizadora, integrada por veciños da parroquia, espera servir entre 3.000 e 4.000 racións de pementos, para o que será preciso mercar o prato de barro conmemorativo da festa, que custa tres euros e no que se servirán ademais cachelos e pan de millo.