Grutas paleolíticas inexploradas

SANTIAGO CIUDAD

As investigacións dos xacementos prehistóricos que se levan a cabo este verán nas cavernas de Becerreá e do Courel teñen moi poucos precedentes en Galicia

11 ago 2007 . Actualizado a las 02:00 h.

monforte | As investigacións arqueolóxicas sobre o Paleolítico realizadas o mes pasado na cova de Valdavara, en Becerreá, e as que comezarán en varias grutas do Courel a semana próxima teñen moi poucos precedentes en Galicia. A grande maioría dos xacementos paleolíticos galegos estudados ata agora corresponden a asentamentos ao aire libre, polo que as investigacións deste verán poden supoñer un importante avance no coñecemento dun aspecto moi pouco coñecido da prehistoria do noroeste peninsular.

Os xacementos cavernarios galegos galegos máis importantes que se estudaron con anterioridade están en Castroverde e Triacastela. No primeiro municipio áchase a Cova da Valiña, explorada a finais dos anos 80, na que se encontraron diversos artefactos -algúns deles tallados en óso- que foron clasificados na chamada industria chatelperronense, que se desenvolveu hai entre 36.000 e 32.000 anos, na primeira etapa do Paleolítico Superior.

En Triacastela, na seguinte década, efectuáronse escavacións na Cova Eirós, onde apareceron industrias líticas encadradas tamén nos inicios do Paleolítico Superior. Neste lugar acháronse ademais importantes restos de fauna cuaternaria, sobre todo do oso da cavernas, unha especie típica da última idade glacial que se extinguiu hai uns 15.000 anos.

Exceptuando estes casos, os demais achados arqueolóxicos feitos en cavernas galegas corresponden a etapas posteriores ao Paleolítico. O caso máis sinalado é o da cova de de Pala da Vella, no municipio ourensán de Rubiá, onde se localizaron restos humanos e industrias do Neolítico cunha antigüidade estimada en torno a 4.500 anos. Na Cova do Oso, na Serra do Courel, apareceron restos de cerámica de datación incerta, que poden pertencer ao Calcolítico -período comprendido entre hai 5.500 e 3.700 anos- ou ben á posterior Idade do Bronce. Nestas etapas, a diferencia do que sucedía no Paleolítico, as cavernas xa non se utilizaban habitualmente como habitación humana. Os arqueólogos opinan que no Neolítico e nas etapas posteriores, as cavidades rochosas só servían como redís para gardar o gando e eventualmente, como lugar de enterramento de seres humanos.

Valor especial

A escaseza de achados paleolíticos nas cavernas de Galicia outorga un singular valor ás industrias encontradas o mes pasado na cova de Valdavara, segundo explica Arturo de Lombera, un dos directores das campañas arqueolóxicas que promove actualmente a Universidade de Santiago na provincia. «O Paleolítico galego en covas é moi pouco coñecido e todo o que encontremos pode ser útil para ir ampliando ese coñecemento», explica. «Ademais, os materiais de Valdavara corresponden aparentemente á industria magdaleniense, isto é, ao final do Paleolítico Superior, unha época bastante posterior á das industrias de Castroverde e Triacastela, polo que nos axudarán a ir cubrindo un espazo cronolóxico que ata agora estaba vacío no que respecta ás ocupacións das covas», engade.