Día das Letras Galegas 1978, Antonio López Ferreiro

Pegerto Saavedra Fernández

SANTIAGO CIUDAD

14 may 2012 . Actualizado a las 19:44 h.

López Ferreiro foi, segundo a placa que o Concello de Santiago colocou en 1911 na súa casa, «bô galego, bô sacerdote, bô historeador e bô literato». Unha definición ben acaída para este cóengo compostelán que, grazas ós estudos realizados en diversos centros, adquiriu firmes coñecementos non só de teoloxía, senón de arquivística e arqueoloxía. Autor dunha obra caudalosa, publicada en forma de colaboracións en semanarios, de monografías históricas e de novelas, o seu traballo intelectual está guiado por un propósito unitario e coherente: o de estudar, proclamar e defender a personalidade de Galicia, da súa Historia e Patrimonio, dende a posición ideolóxica dun rexionalismo tradicionalista fortemente comprometido co país e coa súa cultura. É o primeiro historiador galego que redacta libros baseados na consulta masiva de fontes documentais tratadas cun método rigoroso, unha tarefa arquivística que lle permitiu coñecer ben o galego medieval e editar moitos textos. Aos 57 anos debutou no eido literario coa novela A tecedeira de Bonaval, á que seguiron O castelo de Pambre e O niño de pombas (1905). As tres teñen carácter histórico e foron escritas coa finalidade de restaurar e normalizar a lingua, ata entón apenas empregada na prosa. A fermosa dedicatoria d´A tecedeira, lembrando que aprendera a tatexar o galego no regazo dos seus pais, e as queixas que expón pola falla de estudos filolóxicos e dunha normativa acreditan, a maiores, o seu compromiso co idioma, que é o mesmo que dicir con Galicia.

* Obra

-A tecedeira de Bonaval, 1894

-O castelo de Pambre, 1895

-O niño de Pombas, 1905

-Historia de la Santa A. M. Iglesia de Santiago de Compostela, 1898-1909

Antonio López Ferreiro

*Santiago de Compostela, 1837

*Vedra, 1910