O Día das Letras Galegas devolve o protagonismo ao lugar onde moran os libros

M. FERREIRO / M. J. SANTALLA

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Na biblioteca da Illa de Arousa triunfa «Memorias dun neno labrego» e na universitaria de Santiago prestaron no 2011 máis de 46.000 obras galegas

14 may 2012 . Actualizado a las 20:18 h.

A literatura galega vai facendo as súas conquistas. Gañando sitio nos pequenos e grandes templos dos lectores. Estante a estante. Xa sexa nos pouco máis de cen metros cadrados do piso do Naval onde se atopa a biblioteca do Concello da Illa de Arousa desde hai cinco anos. Ou nos 3.900 metros cadrados da Biblioteca Xeral, no Colexio de Fonseca, corazón da Universidade de Santiago desde hai máis de cinco séculos.

No centro compostelán presumen do Fondo Galicia. A directora da Biblioteca Universitaria de Compostela (BUSC), María Isabel Casal, destaca que «é solicitado por outras institucións para exposicións e diferentes actividades de divulgación». Porque alí reside a historia. Coma Espiñas, follas e frores: versiños galegos, de Valentín Lamas Carvajal. Un volume de 1877 adquirido pola BUSC no 2010. A biblioteca loita cos recortes derivados da crise e mantense á caza de vellas edicións das obras fundamentais e de rarezas, coma algún exemplar curioso da obra para nenos de Sofía Casanova.

Os clásicos non perden empuxe. Así o reflicten as preferencias dos 497 socios da biblioteca da Illa de Arousa (cifra que supón un 10 % da poboación do municipio), que tiran de títulos en galego. A directora, Ángela Otero, que leva dez anos espallando o hábito da lectura desde este centro, explica que o libro que máis se presta é Memorias dun neno labrego, de Neira Vilas. No grupo dos títulos máis demandados gañen peso obras máis recentes, coma O sabre do francés, de Miguel Anxo Fernández; Herba moura, de Teresa Moure, ou Cartas de amor, de Fran Alonso.

María Isabel Casal destaca o tirón que experimentou a literatura xuvenil en galego nos últimos anos. É unha tendencia dentro do mar de idas e vidas de volumes que xera a BUSC. No 2011 prestou 46.319 obras galegas aos seus usuarios (sen contar os volumes que foron consultados na propia biblioteca). Dispón, ademais, de 99.391 monografías correspondentes a Galicia (tema galego, autor galego ou lingua galega) e 4.475 publicacións periódicas. E continúan medrando. Porque hai océanos literarios e tamén illas.