Ksado e os bocois de 500 arrobas

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

As Bodegas Bopomán, na rúa Xelmírez, nos 50

08 may 2016 . Actualizado a las 21:50 h.

Santiago é cidade tabernaria. Mantén un evidente aquel de tasca, de tonel e de cunca. O propio Códice Calixtino, na néboa medieval daquel florido século XII, daba xa conta disto, cando falaba do «precioso» viño que, subindo dende o barrio do Sar, entraba en Compostela pola porta amurallada de Mazarelos. O viño, as tabernas, son sinal fundacional desta cidade-memoria.

Pois velaquí un inédito exemplo gráfico. O gran Luis Ksado, un dos mellores fotógrafos galegos de todos os tempos, autor, entre outros, daquel best-seller titulado «Estampas compostelanas», publicado en 1927, retratou, contra finais dos anos 50, este espectacular almacén das históricas adegas Bopomán, iniciais de Bodegas Populares Manchegas. O local estaba situado no número 18 da rúa Xelmírez (onde hoxe hai un hotel). O segundo pola dereita é o fundador da empresa, Manuel Vela López. A familia procedía de Campo de Criptana, esa vila no cerne da Mancha coroada polos muíños contra os que loitou o Quixote. Bopomán traía o líquido elemento dende esas terras inspiradoras de Cervantes, en barrís ou fudres (como lles chaman alí) de 500 litros, que logo distribuían polos locais do Franco e a particulares. No número 14 desa mesma rúa Xelmírez despachábase o viño.

O gran Ksado consegue nesta imaxe unha profundidade de campo e unha composición únicas do almacén de Bopomán, co gran tonel presidindo a escena, o fotógrafo colocado nunha posición elevada, e os nove homes minguados ante as dimensións do plano.

A cuba xigante da esquerda mide uns catro metros, ten unha capacidade dunhas 500 arrobas (máis de 6.000 litros), e fora fabricada en Hornos Villarrobledo (Albacete), un dos maiores produtores de tallas de España. Trasladaban estes enormes recipientes por toda a península, en tren ou mesmo en carros. Xa cheos de bo viño, en Compostela irían baleirando o seu contido nas mellores tabernas de Conxo, San Pedro, Vista Alegre... e, sobre todo, no 42, no Pataca, no Gato Negro, en Casa Ourense... do Franco ou no Bar Viño de Mazarelos. Templos aqueles —de onte ou de hoxe— onde esta cidade tabernaria tamén elevou o seu espírito.

Agradecemos a cesión da foto inédita e única, e de moitos dos datos aquí recollidos, á familia de Manuel Vela López, descendentes da lembrada e refrixerante adega Bo-po-man.