A vida tronzada de Gil Rey

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Ramón Gil Rey

 Unha das primeiras litografías de Galicia

22 may 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Esta ilustración pode parecernos tópica. Evidentemente, éo. Pero só nunha primeira e superficial ollada. Non é tal se contamos a súa historia. Temos diante, posiblemente, o primeiro gravado litográfico (é dicir, un debuxo feito sobre pedra caliza) publicado en Galicia. A litografía é, por dicilo dalgún xeito, a protohistoria da fotografía. Como unha foto antes da existencia das fotos. Estamos no Santiago de 1838. O autor desta obra de excepcional calidade ?e moi descoñecida, por certo? é o gran Ramón Gil Rey. Foi publicada, en maio daquel ano 38, no «Semanario Instructivo», periódico compostelán de brevísima existencia (seis meses) fundado e dirixido polo seu irmán José María e editado e impreso por José Núñez Castaño. Todos eles, santiagueses de pro e integrantes dunha xeración única vencellada á Academia Científico-Literaria de Santiago. Xeración excepcional mais tamén malograda polos azoutes da vida...

Ramón Gil Rey tiña apenas 20 anos cando pintou esta panorámica da catedral de Santiago dende o pazo de Raxoi. Un ano antes subírase á espadana da igrexa do Pilar para deixarnos unha das vistas de Santiago máis abraiantes que un poida ter visto (recuperada hoxe felizmente polo Consorcio de Santiago nunha fermosa lámina): un ollo de peixe circundando a cidade toda. Aquí, agora, volve demostrar o seu enorme talento nesta litografía pioneira, de trazo perfecto, máximo detalle e representando a catedral en escorzo, non frontal, por vez primeira (algo que tanto copiarán logo os fotógrafos). Manuel Murguía definiuno como un dos mellores litógrafos de España.

Esta obra presentábase impresa a dobre páxina e tivo un éxito enorme, que serviu de moito para difundir Santiago e a súa catedral.

Mais o destino non tiña nada bo gardado para os Gil Rey. O noso Ramón marchou a Madrid en 1839 para iniciar unha prometedora carreira artística. Faleceu aos 26 anos. O seu irmán José María (brillante científico) morría en Santiago aos 38, naquel terrible ano da fame de 1853 que tamén levaría canda el a Antonio Neira de Mosquera. Cinco anos despois morría afogado na Coruña o poeta Aurelio Aguirre... En fin. Unha xeración doente, antes da Doente, que cómpre sempre rescatar e honrar.