Ánxel Casal, 1936

QUIQUE ALVARELLOS

SANTIAGO CIUDAD

Editor e alcalde de Santiago, foi «paseado» hai 80 anos

29 jun 2016 . Actualizado a las 00:36 h.

«Os pobos somentes son grandes po-la cultura. Mercade Libros Galegos». Velaquí a publicidade da Editorial Nós en 1933. Do seu propietario, Ánxel Casal Gosenge, chegou a dicir Castelao: «Fixo máis por Galicia que todos nós». Estes días de verán do 2016 cúmprense oitenta anos de moitas cousas, case todas malas. Imos lembrar algunhas, tamén boas. Como esta imaxe. O seu autor é probablemente Luís Ksado e foi publicada no suplemento gráfico do número 667 da revista Vida Gallega en xuño de 1936. (Un inciso para lembrar que Ksado e Vida Gallega son dúas fontes inesgotables para a nosa memoria gráfica). A noticia, titulada «El prólogo del Estatuto» di: «D. Ángel Casal, Alcalde de Santiago, que presidió la Asamblea del Estatuto y viene consagrando grandísima atención al trascendental asunto». E vai acompañada doutras tres imaxes, unha delas, a da constitución da Asociación de Escritores de Galicia. Eran tempos intensos (e tan breves) de construción cultural e política.

Ánxel Casal foi alcalde de Compostela, polo Partido Galeguista, durante só uns cinco meses, entre o 23 de febreiro e o 9 de xullo de 1936. O 28 de xuño aprobárase o Estatuto de Galicia. O golpe de Estado do 18 de xullo pillárao en Madrid, precisamente coas xestións de entrega nas Cortes do texto do Estatuto de Autonomía. Regresou de contado a Santiago para facerse cargo de novo do Concello. O 4 de agosto era detido na casa dun parente en Arzúa e, un par de semanas despois, o seu corpo aparecía tirado nun foxo en Cacheiras o 19 de agosto daquel incivil verán de 1936.

Esta foi a historia, tan tráxica, dos seus días derradeiros. Antes dela deixou moito sementado. Aquel 23 de febreiro de 1936, por exemplo, cando tomou posesión como alcalde, fixo o seu discurso en galego, algo inédito. E falando de inéditos, el foi o primeiro editor moderno de Galicia, ademais de impresor e libreiro.

Fundou na Coruña, con Leandro Carré Alvarellos, a Editorial Lar, e logo, en Santiago de Compostela, a editorial Nós, hoxe lembrada cunha placa nese xa mítico local do número 15 da rúa do Vilar. Todo este tempo foi estudado polo filólogo Ernesto Vázquez Souza, nun brillante ensaio titulado A fouce, o hórreo e o prelo. Ánxel Casal ou o libro galego moderno (Ediciós do Castro, 2003).

É a historia, a fotohistoria, en fin, daquel home editor que vía na cultura a grandeza e a salvación dun pobo. Nada menos.

editor@alvarellos.info