Lorca, outubro de 1916

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Chegou a Santiago na noite do día 26 cando tiña 18 anos

16 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Un mes de outubro coma este que comeza, pero hai xusto un século, chegaba a Compostela un estudante granadino de 18 anos chamado Federico García Lorca. Xa temos falado aquí, hai meses, da atracción que Santiago e Galicia levantarían no brillante poeta e dramaturgo (nos anos trinta chegaría a visitarnos ata tres veces máis). Hoxe toca centrarnos naquela viaxe primeira da que celebramos este mes o centenario, unha experiencia de tal impacto na súa vida que espertaría nel a súa gran vocación de escritor.

Foi un 26 de outubro de 1916. Arribou na nosa cidade como integrante dunha excursión de estudos comandada polo catedrático de Teoría da Literatura e das Artes, Martín Domínguez Berrueta. Lorca cursaba primeiro de Dereito e Filosofía e Letras (as dúas carreiras a un tempo) na Universidade de Granada. Con Lorca viñeron catro compañeiros de clase máis.

A foto que hoxe traemos a estas crónicas pertence a aquel ano e non ten sido moi divulgada. Non é en Galicia senón, quizais, na súa Granada natal, pero nela aparece Lorca (no centro) con dous dos alumnos que viaxarían con el (Ricardo Gómez de Ortega e Luis Mariscal), e o seu mestre, á esquerda, Martín Domínguez Berrueta. Os outros dous compañeiros, que non aparecen na imaxe, foron Paquito L. Rodríguez e Rafael Martínez Ibáñez. (Todos eles si están nunha fotografía de grupo, máis coñecida xa, na Universidade de Santiago, con Lorca nunha discreta segunda fila). Mais aquí está Lorca en primeirísimo plano, coa novura toda nel, na época na que percorreu, hai cen anos, as rúas e monumentos de Compostela, A Coruña ou Lugo.

Daquela viaxe falaron, en Galicia, xa nos anos setenta, Franco Grande e Landeira Yrago, e logo Alonso Montero e outros, que foron narrando e analizando detalles. Sabemos que aínda quedan cousas por publicar e contar daqueles días de outubro do 16, e detrás delas andamos... De momento, quédanos o testemuño do propio poeta quen, dous anos máis tarde, publicaría o seu primeiro libro Impresiones y paisajes (1918). Nel narra a súa viaxe en tren dende Redondela, a súa visita a algúns dos monumentos da cidade («es horrible un hospicio con aires de deshabitado», di de Bonaval) e o que máis lle alporizou foi ver o monumento a Eugenio Montero Ríos chantado no medio do Obradoiro: «¡Qué salivazo tan odioso a la maravilla churrigueresca de la portada del Obradoiro y al hospital grandioso!», escribiu. Permaneceron tres días na cidade. Despois foron á Coruña e Lugo.

Outubro de 2016 será, pois, o mes no que conmemoremos o inicio dunha paixón: a de Federico García Lorca, hai cen anos, por Santiago de Compostela e Galicia.

editor@alvarellos.info