«Vexo un moi bo nivel de inglés entre o alumnado de secundaria de Santiago»

Joel gómez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Millán organiza desde hai cinco anos intercambios con estudantes do IES Rosalía

23 oct 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

O grupo de 23 estudantes e 3 docentes do Hockerill Anglo-European College, un centro público de secundaria próximo a Londres que estivo de intercambio dez días co IES Rosalía de Castro, regresa hoxe para o seu país. Con eles veu Carmen Millán, santiaguesa que é xefa do departamento de Español no colexio inglés.

-¿Como chegou a ese posto?

-Ao finalizar a carreira na Facultade de Filoloxía da USC pedín unha praza de lectora do Ministerio de Educación. Traballei un ano de auxiliar de conversación en Stratford-upon-Avon, e conseguín unha praza na Universidade de Birmingham para facer o doutoramento. Despois continuei nesa universidade, como profesora, e no 2006 pasei para o ensino secundario. Os seis últimos anos estou feliz no Hockerill Anglo-European College, que é un centro internacional.

-¿En que investigou para se doutorar en Birmingham?

-Sobre as traducións de James Joyce para o galego. Defendín o estudo en 1998. Estaba centrado sobre todo nas traducións do Ulyses que realizou Otero Pedrayo para a revista Nós, e outra de García Sabell; a de Dublineses da década de 1980, e outra posterior. Non fixen análise lingüística comparativa. Seguín a escola de González Millán, a quen coñecín nun congreso e que foi o meu examinador de Tese.

-¿Como é a vida de ensinante de español no Hockerill Anglo-European College?

-Somos tres docentes e unha auxiliar de conversación. A actividade é moi intensa. O noso colexio está especializado en linguas e o español é unha opción como segunda lingua, xunto co italiano, o mandarín e o xaponés; ou tamén como primeira lingua no Bacharelato internacional; son uns 200 estudantes de español. Tamén ensino Literatura.

-¿Len autores galegos?

-Len El lápiz del carpintero, de Manuel Rivas en tradución para español. No programa tamén se contempla La Colmena, de Cela.

-¿Que é máis difícil, estudar inglés aquí ou español en Inglaterra?

-É similar. Quizá en España hai máis motivación, polo pragmatismo de que o inglés é unha lingua moi utilizada internacionalmente. En Inglaterra o español é tamén un idioma moi popular, que se elixe polas portas que pode abrir profesionalmente; e porque hai un vínculo de moitas familias de alumnado inglés que visitan España, ou mesmo teñen casa aquí, e iso favorece un vínculo emocional forte coa lingua.

-¿Cómo resultan os intercambios, como o que realizan co IES Rosalía de Castro?

-Moi positivos. Aprenden o idioma, e o máis importante é a conexión emocional coa lingua e a cultura. Cando regresan notamos un maior interese. A experiencia coas familias de Santiago é culturalmente moi completa, aquí aprenden moitas máis cousas, non só avanzan en gramática e vocabulario. É unha experiencia digamos ‘holística’ de aprendizaxe.

-¿Quen se defende mellor, o alumnado de Santiago en Inglaterra ou o inglés aquí?

-Penso que o de aquí en Inglaterra, vexo un moi bo nivel de inglés entre o alumnado de ESO de Santiago que vai ao noso centro.

-¿Continúa investigando?

-Editei un libro en inglés hai pouco sobre tradución, e agora teño un rol no colexio para fomentar a investigación entre o profesorado, como forma de desenvolvemento profesional, para promover mellor a aprendizaxe e o ensino.

De Santiago. Carmen Millán naceu en Compostela. Estudou no IES Rosalía de Castro e na USC.

Especialista. Fixo o doutoramento e foi docente na Universidade de Birmingham. Hai 6 anos que é xefa do Departamento de Español do Hockerill Anglo-European College.