Pepiño Areosa, inédito

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

O seu corpo apareceu en Cacheiras xunto a Ánxel Casal en agosto de 1936

01 nov 2016 . Actualizado a las 20:16 h.

Tiveron que pasar oitenta anos para descubrir o rostro de José Modesto Isaac Devesa Areosa, coñecido en Santiago como «Pepiño Areosa». O seu nome é citado cada 19 de agosto, pois tivo o final máis tráxico aquel verán de 1936: O seu corpo sen vida apareceu tirado nunha cuneta de Cacheiras a carón de Ánxel Casal, o editor e impresor galeguista que fora alcalde de Santiago. Dous paseados. Dúas desgrazas paralelas. Un, ilustre; outro, sen rostro. É ben certo que o Réxime de Franco gobernou a memoria, como din os especialistas. Hai que ver «que ben» xestionou a súa vitoria, como filtrou datos, permitiu historias e marcou silencios. E non só nos corenta anos de ditadura, senón tamén despois. Quizais ata hoxe.

Para exemplo, esta imaxe inédita que damos a coñecer aquí. Chegou a nós hai unha semana grazas ás xestións do historiador Ricardo Gurriarán realizadas cos descendentes de Areosa. Traballamos estes días na segunda edición, corrixida e aumentada, do seu libro «Fernando Alsina e o seu Diario de Guerra» publicado por nós hai agora un ano. Nova edición que aportará documentos coma este que avanzamos, e outros, sobre aquel home «inédito»: Pepiño Areosa.

O prestixioso cirurxián Fernando Alsina González (Santiago, 1881-1952) levantou precisamente o cadáver de Areosa o 19 de agosto de 1936. No diario de guerra que deixou escrito Alsina e que Gurriarán estuda neste libro, cítase tamén o con-cuñado de Areosa, Elisardo García Fernández, que aparece aquí con el na foto, pois foi un dos doutores que saíron con Alsina á fronte de guerra o 10 de setembro de 1936. Apoiaban oficialmente ao exército franquista, pero quizais fuxían dun Santiago irrespirable cheo aquel verán de mortos nas gabias...

Xa temos, pois, o rostro, a imaxe, de Pepiño Areosa. Agora, algúns datos: nacido en xullo de 1908 e asasinado, pois, aos 28 anos. Era o segundo de tres irmáns: Carme, mestra, e Suso, médico cirurxián. El non quixo estudar e entón súa nai, María Areosa Hermida, levouno a traballar á armería familiar, «Armería Areosa. Máquinas de Coser», no nº 12 da Rúa do Vilar. Logo o seu tío José montou un taller de mecánica na entrada do Pombal (onde hoxe está o aparcadoiro de San Clemente) e alí traballou ata que foi asasinado. Militaba en Izquierda Republicana; ese debeu de ser o seu «pecado».

Nesta nova edición do libro «Fernando Alsina e o seu Diario de guerra» que publicaremos a finais do mes de novembro incluiremos máis imaxes inéditas del, así coma documentación tamén descoñecida, e un debuxo de perfil que lle fixo Camilo Díaz Baliño. Camilo, Ánxel Casal e Areosa coincidiron na «Falcona», o cárcere municipal. Díaz Baliño retratounos a todos a lapis. Areosa fora detido un mes antes do paseo. «Crían que alí estaban seguros», afirman hoxe os descendentes de Pepiño.

Quede aquí, pois, esta imaxe desenfocada dun pasado tan incómodo. O home, xa con rostro. Pepiño Areosa (1908-1936), in memoriam.