«Charlot» nas Praterías

Quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

s

O gran imitador de Chaplin visitou Santiago en 1924

13 nov 2016 . Actualizado a las 12:56 h.

Así o conta a revista Vida gallega no seu número 264 de novembro de 1924: «Una escena de película en la Plaza de las Platerías. ¿Oísteis hablar del Charlot Gallego? Ahí tenéis a Vicente Suárez, el Charlot gallego, huido de Nueva York por el malquerer del Charlot auténtico, según cuentan».

Este texto aparece acompañado dunha secuencia de seis fotografías de Luís Ksado que van narrando unha historia típica do personaxe creado por Charles Chaplin: un garda atopa a Charlot durmido ao pé da Catedral de Santiago, el trata de fuxir pola praza abaixo pero, xusto ao pé da fonte dos cabalos, o municipal dálle captura. Escollemos precisamente a última das fotografías para ilustrar a nosa crónica de hoxe. Esta imaxe é dalgún xeito continuación da inédita que publicamos o domingo pasado, a do elenco da rodaxe da La Casa de la Troya en San Lourenzo en agosto de 1924. Nesa película traballou o noso Charlot. A el chegamos, de novo, grazas aos datos facilitados polo fotohistoriador Carlos Castelao. Esta imaxe en Praterías foi tomada naquelas datas durante a rodaxe da célebre película.

Denunciado por Chaplin

Vicente Suárez Arango non era galego, pero case. Era asturiano. Emigrou a Cuba moi novo dende o seu Valdés natal, e logo a Nova York, onde coñeceu ao director de cine -tamén asturiano- Manuel Noriega (o mesmo que co-dirixiu, aquí, con Pérez Lugín,

La Casa de la Troya)

. Axiña Vicente comezou a imitar ao máis famoso cómico do mundo por aqueles días, e a rodar películas interpretando ao seu personaxe, Charlot. E facíao moi ben. Demasiado ben. Quen o coñeceu en vida foi Juan Bonifacio, director da Filmoteca de Asturias, quen confirmaba este verán á periodista asturiana Idoya Rey que Vicente «comenzó a hacer películas imitando a Charlot para la Metro antes de que fuera la Metro-Goldwyn-Mayer. El auténtico Charles Chaplin vio una película y lo denunció», e o noso Charlot foi expulsado dos Estados Unidos.

Nos días derradeiros da súa vida, paseando por Xixón, aínda mostraba probas de todo isto, segundo relata Juan Bonifacio. O seu alias era Bill Roy e para se vingar da expulsión rodou en Oviedo unha película (hoxe, perdida) onde, imitando a Charlot, chegaba dende os «Estados Hundidos de América».

O que si parece lenda (pois non puidemos comprobalo aínda, malia que tentamos falar mesmo coa filla de Chaplin, Geraldine) é que Vicente gañase un concurso de imitadores no que o propio Charles Chaplin, a modo de xogo, se presentaba. Si houbo tal concurso de imitadores (organizábanse moitos naqueles anos) e si participou o Charlot real... e perdeu!. Gañou un tal Milton Berle. Así o confesaría o propio Chaplin ao Chicago Herald en 1915: «Quería darlles leccións da camiñada de Chaplin», afirma retranqueiro neste xornal.Pero nada se sabe de que por alí andivese Vicente Suárez.

En fin. Nós aquí o temos, en Praterías, fotografado por outro gran artista, Ksado. Conseguimos ademais poñerlle rostro ao Vicente real, grazas ao fondo gráfico que posúe a Fototeca do Muséu del Pueblu d’Asturies, nunha imaxe moi descoñecida, arredor de 1920, onde comprobamos o incrible parecido do Vicente «galaico-asturiano» co Charles anglo-americano.

editor@alvarellos.info