«C'est magnifique!»

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

LALO

O Obradoiro deixou abraiado a Giscar en 1978

27 nov 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Foi baixarse do coche e quedar pasmado: «C’est magnifique!», exclamou en voz alta diante desa sinfonía pétrea que o rodeaba. A Praza do Obradoiro recibía, o venres 30 de xuño de 1978, ao aposto presidente da Francia, Valery Giscard d’Estaing. Pronunciou unha desas frases que permanecen escritas sobre a pedra da nosa memoria, e enchen de auto-orgullo unha cidade, un país.

Non era para menos. A expresividade do ministro de Exteriores de Adolfo Suárez, Marcelino Oreja (á esquerda de Giscard), demostra que ambos quedaran abraiados ante tanta beleza. Rodeaba ao presidente francés o neoclásico do pazo de Raxoi (á súa dereita), o románico da porta do Reitorado (diante) e o barroco lanzal das torres da basílica (á esquerda). Detrás, o Hostal dos Reis Católicos. Logo irían xantar ao pazo de Xelmírez, románico civil único en Europa. É evidente: «C’est magnifique!».

Giscarg chegaba a unha España en plena Transición. Non faltou aquí, en Galicia, por certo a polémica: a nosa autonomía estaba en cueiros, tiña dez semanas de vida, e foi totalmente ninguneada polos poderes de Madrid. Na foto non veremos a Antonio Rosón, presidente da preautonomía, que protestara por ser desprazado, igual que todo o goberno galego, no protocolo que viña ordenado da Villa e Corte.

Anécdotas (ou máis que iso) á parte, quedémonos con esta imaxe do impacto visual dunha praza única nun home, o presidente de La Grandeur, que se algo levaba visto na vida eran grandes monumentos. Por exemplo, Estaing: é a aldea onde naceron os seus antergos e que leva o seu apelido, no departamento de Aveyron. É famosa polo seu marabilloso castelo do século XVI, hoxe propiedade do propio Valerie. Por certo, por Estaing pasa, como non, o Camiño de Santiago. Ese Camiño Francés a Compostela que tanto vencellou a Galia e a Galicia dende hai máis dun milenio.

A visita de Giscard D’Estaing -a esta Galicia e a esta España que respiraban aire novo despois de 40 anos de Franquismo- era especialmente agardada. El representaba «A democracia», título precisamente daquel libro seu, todo un superventas na España dos setenta: Democratie française (así se titulaba a edición gala) e que tanto lle gustaba aos novos políticos da UCD: «La edificación de nuestra sociedad pluralista excluye el inmovilismo y hace inútil la revolución. Pasa por la reforma», escribía Giscard.

Eses novos aires aterraban naquel 1978 na pedra nosa, esa pedra «más eterna que antigua», como escribiu tamén, noutra frase célebre, Valle-Inclán. Frases que axudan a construír a nosa historia e que agradeceremos sempre a Valerie Giscard D’Estaing, felizmente en activo aínda hoxe, con 90 anos.

editor@alvarellos.info