Derradeira imaxe de Valle Inclán

quique alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

ARCHIVO VALLE INCLÁN

Un paseo pola Alameda de Compostela, outono de 1935

14 feb 2017 . Actualizado a las 13:34 h.

A imaxe que hoxe traemos ás nosas Fotohistorias non é moi coñecida aínda que si foi publicada, unha parte dela, en 2007, por Javier del Valle-Inclán Alsina, no seu libro Valle-Inclán en Compostela. A derradeira estadía na Galiza (editado polo Concello de Santiago). Don Ramón del Valle Inclán aparece dando un paseo pola Alameda de Compostela, quizais polo outono daquel 1935. Desenfocado, e de aspecto feble, detrás de dúas mozas que non puidemos identificar. Elas levan roupa lixeira, pois debía de ser solleira e amable a xornada. Esta imaxe está considerada a derradeira tomada en vida do célebre escritor.

Foi a longa amizade que mantiña Valle-Inclán cun prestixioso urólogo compostelán o que o convencera para regresar a Santiago en marzo de 1935. O escritor tiña un tumor na vesícula, un cancro xa moi avanzado. Manuel Villar Iglesias (Noia, 1879-Santiago, 1949) era o seu home, a súa derradeira esperanza. “Veño para que faga vostede un milagre comigo”, foron seica as primeiras palabras que Valle lle dirixiu ao doutor. Este xa o operara en 1923. Coñecíao ben. O escritor estivo ingresado na clínica da rúa Xeneral Pardiñas dende abril de 1935 e tratado con “radiumterapia”. Con entradas e saídas, períodos de mellora e outros de decaemento... Ata que non foi posible a cura e don Ramón falecía nesa clínica un 5 de xaneiro de 1936.

Tivemos a sorte de poder falar hai un ano e, de novo, esta semana pasada, coa que pensamos é a única supervivente daqueles días e daquel escenario. Trátase de dona Concha Villar Blanco, de 98 anos. A única filla viva dos once que tivo Manuel Villar Iglesias. Ten unha mente áxil e despexada e recorda perfectamente o día que morreu Valle-Inclán na clínica de seu pai: “Puedo decirle que allí había, alrededor de Valle-Inclán, cinco personas: mi padre, mi hermano Manolo, el jefe de personal y practicante, que se llamaba Justo, y dos enfermeros, Joaquín y José. Y nadie más”.

O testemuño de Chita Villar é moi valioso para completar, e afinar, esa última escena vital do gran dramaturgo, pois moitas son as versións coñecidas sobre quen estaba ou non alí cando faleceu.

Carácter difícil

“Valle era un hombre de carácter difícil, pero mi padre le tenía un respeto muy grande. En la clínica fue tratado a cuerpo de rey. Recuerdo que su viuda fue la primera en dar las gracias a mi padre por lo bien que le había cuidado”.

Dona Concha cre que ao seu pai non o recorda a cidade como debera. El foi tamén alcalde por un ano, en 1930, sucedendo a outro prestixioso doutor, o cirurxián Fernando Alsina (consogro de Valle, por certo) e, sobre todo, un brillantísimo médico con fama en toda Galicia, como o describe Avelino Franco Grande no seu volume La medicina compostelana (1847-1950). Mais, por riba disto, para nós, grazas a Villar Iglesias puidemos ter de regreso último a Compostela a un dos maiores escritores das letras hispanas de todos os tempos. Este que dalgún xeito se despide de Compostela, e de nós, nesta imaxe derradeira.