Rostros ben curtidos

Ksado retrata os rostros, os acenos, dunha ducia de homes en plena xornada de traballo arredor de 1920

.

É incomprensible que Compostela aínda non se decatase do enorme potencial que ten o seu pasado industrial. Porque aínda que esa chamada Revolución Industrial pasase máis ben de canto por Galicia, Santiago converteuse, no século XIX, na capital da industria do coiro de España. Non todo foi -nin é- nesta cidade, románico único, peregrinacións milenarias, universidade cinco veces centenaria, sinfonía de pedra... Hai algo máis, algo que nos fai singulares, que nos fixo únicos, e que temos esquecido: o coiro.

Atopar esta foto de Luís Ksado hai unhas semanas no interesante blog “Memorias de Compostela” fíxome reflexionar unha vez máis sobre este pasado tan menosprezado. Ksado, o gran fotoxornalista, é quen de retratar aquí os rostros, os acenos, en plena xornada de traballo, desta ducia de homes que, arredor de 1920, rozan nas peles nunha das trinta fábricas que funcionaban ao pé do Río Sarela, o chamado Río dos Sapos (polo mal cheiro que desprendía esta actividade).

Santiago foi, como dicimos, a capital dos coiros. Entre finais do século XVIII ata o ben entrado o século XX desenvolveu unha insólita e potentísima produción. Nesas fábricas do (fermoso) río dos Sapos e tamén no Sar chegouse a producir e tratar, a mediados do XIX, o 30 % do coiro de toda España. Ten estudado moi ben este tempo o profesor Xan Carmona. En 2003 publicou un revelador libro sobre estas fábricas, xunto con María Teresa Fernández Vázquez (editado polo Consorcio) e hai uns anos (en decembro de 2013) tiven a oportunidade de escoitalo nunha conferencia no Ateneo.

Daquel acto collín notas ben interesantes para estimularmos na recuperación deste noso pasado único. Dicía Xan Carmona: “Santiago foi a capital española en produción de coiros durante case un século. Esta industria empezou polo baixón da industria do liño, na que Santiago tamén era forte, e viñan materias primas mesmo dende Bos Aires (...). E foi esmorecendo cando caeu a demanda e Cataluña puxou forte, porque se modernizou. Falábase de dous procedementos: o moderno e o galego”.

Pasear hoxe polas beiras do río Sarela permite soñar con aqueles tempos: as ruínas dos vellos curtidoiros aguantan baleiras, cruzadas de maleza e silencio. Preto delas, o ecoar na toponimia en barrios como os Pelamios. Compostela pide un espazo para honrar aos centos de traballadores, homes e mulleres, do duro mundo dos coiros.

E toda aquela maquinaria que aínda andará espallada por galpóns e rochos... Quizais, a futura rehabilitación da Casa das Máquinas de Galeras podería acubillar algo así. Unha cidade adulta e comprometida non debería deixar pasar esta oportunidade e artellar arredor daqueles pelamios todo un rescate (cultural, social e... turístico).

Votación
16 votos
Comentarios