Quico Cadaval: «Formulamos a obra como unha festa, non como unha fazaña histórica»

La Voz

SANTIAGO CIUDAD

. xoán A. soler

Excéntricas estrea o venres no Teatro Principal a primeira representación en galego dunha peza de Valle-Inclán

28 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«O que non era normal era non poder facer a Valle en galego», afirmou Patricia Vázquez, unha das integrantes do elenco artístico de Producións Excéntricas, que a partir do venres representará A cabeza do dragón. Trátase da primeira vez que unha compañía profesional leva á escena unha obra de Valle-Inclán en galego, o que é posible ao expirar os dereitos de autor.

A estrea será ás 20.30 horas, no Teatro Principal, pero onte houbo un pequeno anticipo na presentación do espectáculo, que contou coa presenza do alcalde de Santiago, Martiño Noriega, e do director da Agadic, Jacobo Sutil. «Formulamos a obra como unha festa, non como unha fazaña histórica», destacou o director, Quico Cadaval.

A escolla de A cabeza do dragón para levala a escena responde a que era «unha peza pouco representada e que tiña o reparto ideal. Unha obra onde se mestura o modernismo almibarado e o esperpento», explicou o director. Trátase dun texto que, pese a ser definido como «farsa infantil», segundo Cadaval, «non é nada infantil, pese a ser moi xogado e humorístico». En Santiago, ademais do día 3, haberá funcións os días 4, 5, 9, 10 e 11 de marzo. As entradas, que teñen un custe de 10 euros, xa están á venda.

A representación de A cabeza do dragón foi definida polo director de Agadic, Jacobo Sutil, como un fito, polo que animou aos espectadores a acudir a ver as funcións da que quedará como a primeira representación en galego dun texto de Valle-Inclán. Lembrou que o Centro Dramático Galego (CDG) estreará o 20 de abril Martes de carnaval. Os ensaios para ela empezarán mañá.

O alcalde, pola súa banda, asegurou que era unha honra para a cidade a representación pola carga simbólica que supón gozar de Valle-Inclán na lingua propia, lembrando que se trata dunha figura tamén moi ligada á cidade.

Despois da súa presentación en Santiago, Producións Excéntricas xa ten cerradas máis de trinta funcións por outros puntos de Galicia e en Portugal ata outubro. O espectáculo conta cunha banda sonora orixinal a cargo do Taller Atlántico Contemporáneo.