«Coñecemos o texto medieval con máis galeguismos por unha copia portuguesa»

JOEL GÓMEZ SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

PACO RODRÍGUEZ

A Universidade de Vigo edita o seu estudo dunha «Crónica» elaborada na Coruña en 1465

29 mar 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A literatura medieval galega incorpora un novo título, a Crónica dos Ministros Gerais da Ordem dos Fraires Menores, cuxo orixinal non se conserva. «É coñecida indirectamente grazas á copia que dela se fixo en 1470 no convento franciscano de Santo Antonio de Vila Franca de Xira, próximo a Lisboa. Ese texto portugués, composto por 256 folios en pergamiño, é copia dun elaborado, por volta de 1465, no convento franciscano da Coruña. Este texto, xunto coa Crónica de Santa María de Iria, de 1468, e a copia da Crónica Geral de 1404, conservada na Hispanic Society de Nova York, constitúe un dos escasos exemplos de uso culto do galego na segunda metade do século XV», explica o profesor José A. Souto Cabo, da Facultade de Filoloxía da USC. Publica un estudo sobre esta Crónica no volume colectivo Lingüística Histórica e Dialectoloxía, de recente edición pola Universidade de Vigo.

-¿De que se ocupa esta «Crónica dos Fraires Menores»?

-É tradución dunha crónica latina do século XIV, atribuída a Arnaud de Sarrant, sobre a historia dos primeiros ministros xerais da Orde franciscana, desde San Francisco. Houbo outras traducións previas, entre elas unha en castelán, que serviu de modelo para a versión galega.

-¿Que interese ten este texto?

-Entre outros aspectos, podemos subliñar que se trata do texto medieval galego-portugués con maior número de galeguismos. Cando falamos de galeguismos nun texto medieval queremos significar formas galegas, en xeral, descoñecidas ou moi minoritarias en Portugal. A súa presenza nesa obra era coñecida, mais non se analizaran aínda ben os motivos que a podían explicar.

-¿E como se explica iso?

-Supoño que está relacionado coas características culturais do frade que fixo a tradución do castelán para o galego. É tamén interesante notar que sobreviviron na copia feita en Vila Franca de Xira, aínda que o copista era de orixe lusitana. Tamén presenta un número moi considerábel de castelanismos, procedentes da versión castelán que se traducía.

-¿Como é que se ocupou agora desta «Crónica» dos franciscanos?

-Esa tradución galega, que se fixo na Coruña foi, por súa vez, a base para unha posterior elaborada en Portugal, datada en setembro de 1470, que se custodia na Biblioteca Nacional de Lisboa. Esa versión portuguesa foi editada en 1918, da responsabilidade de José Joaquim Nunes, quen non considerou a posibilidade da existencia dunha copia anterior galega. E non deixa de resultar curioso: coñecemos o texto medieval con máis galeguismos por unha copia portuguesa.

-¿Como son os galeguismos?

-Entre os máis evidentes están a terminación verbal en -o da terceira persoa do pretérito, como fezo, de fazer, entre outras formas galegas propias, que son practicamente descoñecidas en textos portugueses. Tamén contén, como curiosidade, o último testemuño coñecido na literatura galego-portuguesa de morrei, por morrerei, segundo indicou xa Mariño Paz nun estudo no 2002.

-¿Significa iso que galego e portugués se podían considerar diferentes naquela altura?

-De ningún modo, son diverxencias que non poñen en dúbida a unidade galego-portuguesa. E convén lembrar que a lingua dese período, como a que se reflicte na obra que comentamos, está infinitamente máis próxima do portugués que do galego normativo actual.

-¿Como explica que un texto elaborado na Coruña fose modelo para un posterior en Portugal?

-Portugal formou parte da Provincia Franciscana de Santiago, durante case 200 anos, até principios do século XV. Iso favoreceu a mobilidade dos franciscanos nese espazo común e, en concreto, a presenza de frades galegos en territorio lusitano. A copia portuguesa desta Crónica parece ter sido encomendada precisamente por intervención de Antonio de Ribeira, que era galego, e quen tería interese en difundir esa obra entre a colectividade franciscana de Portugal.

Crónica»