O banquete que xuntou a Murguía e Brañas

Quique Alvarellos

SANTIAGO CIUDAD

Quique Alvarellos

Celebrouse en Cernadas (Portomouro) en 1892

25 jun 2017 . Actualizado a las 23:27 h.

Este verán haberá 125 anos dun dos acontecementos máis relevantes do primeiro galeguismo: o Banquete de Cernadas (Portomouro), tributado en 1892 a Manuel Murguía e onde Alfredo Brañas anunciaría a redacción das «Bases generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia». A data (algúns falan de xullo; outros, os máis, de agosto), o que nesta finca se celebrou e, sobre todo, a quen xuntou na mesma mesa, ben merecen unha decidida lembranza.

Cernadas, a finais do século XIX, era un dos lugares de lecer preferidos polos composteláns. Á beira do río Tambre, a 12 quilómetros ao oeste da cidade, estendíase «bosque y praderías que llenan una extensa área de más de cinco kilómetros», tal e como afirma a «Guía de Santiago» de Fernández e Freire Barreiro de 1885. A carón do bosque, a casa principal, cuxo orixe se remonta ao século X (propiedade de San Martiño Pinario), que logo foi propiedade da Condesa de Bugallal, máis tarde asilo e, hoxe, dende 1990, sede do Proxecto Home.

Alí fomos o luns coñecer un bosque e un feito que, para nós, garda interesantes conexións con outra das nosas teimas investigadoras, o bosque do Banquete de Conxo de 1856. «Menos mal que alguén se lembra daquel banquete», coméntame xa na primeira conversa o director do centro, Ramón Gómez Crespo. Ao noso redor érguense enormes castiñeiros (dous deles son os que aparecen na imaxe) e rexos carballos, testemuñas tamén (como sucede en Conxo), e únicas superviventes, do que aquí aconteceu hai xusto 125 anos.

As bases do Rexionalismo

¿E que sucedeu neste lugar? Pois que sentaron á mesa os dous grandes protagonistas -e rivais, tamén- do primeiro galeguismo, ou do que daquela se chamaba Rexionalismo. Os amigos dos dous próceres, Murguía e Brañas quixeron homenaxear cun banquete ao viúvo de Rosalía, pois acabada de ser reintegrado ao corpo de Bibliotecarios e Arquiveiros da Universidade de Santiago. Discutiron cal sería o mellor agasallo para el. O movemento andaba moi dividido, despois explicamos por que. Acordaron entón regalarlle a Murguía unha iniciativa -non un obxecto-: designar aquí mesmo, en Cernadas, a comisión que elaboraría as «Bases generales del Regionalismo y su aplicación a Galicia», cuxa redacción levaría a cabo en agosto, en Vilagarcía de Arousa, Alfredo Brañas.

O que pasou despois de todo aquilo resúmese axiña: Brañas e Murguía querían coa mesma intensidade ao país, pero eran ideoloxicamente antagónicos. O banquete de Cernadas intentou xuntar dúas visións de Galicia tan opostas que non o conseguiu. Brañas era conservador, defensor do Antigo Réxime, do Carlismo, dunha monarquía cuxo poder deriva de Deus...; Murguía era liberal, fillo da revolución, «a base da nacionalidade non estaba nun precepto divino senón nunha realidade histórica», como cita Barreiro na súa soberbia biografía sobre o historiador.

Non era doado artellar así un programa común, mais sentaron a mesa en Cernadas, hai 125 anos, debaixo das mesmas árbores nas que estou eu agora.

A imaxe que publicamos de Alfredo Brañas é moi descoñecida, da época daquel banquete. Brañas morrería novo, aos 41 anos, oito despois de Cernadas. Murguía tería longa e produtiva vida, morreu case nonaxenario na Coruña en 1923. E o rexionalismo, despois galeguismo, despois nacionalismo, seguiu vivindo divisións... ata hoxe, mais tamén momentos de luz como o de Cernadas, con todos sentados á mesa baixo as mesmas pólas centenarias.

editor@alvarellos.info