Ghaveta: «Buscamos nas nosas raíces máis antigas, sacamos moitas pezas de aí»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

CEDIDA

Ghaveta estreará con Lagharteiras dúas pezas no Certame Folk deste sábado

20 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Era un concerto de fin de estudos, pero converteuse no inicio dun proxecto moito máis grande. O que no 2013 encetaron Beatriz Martínez (arpa), Felipe Rodicio (violín), Marta Martínez (voz, bouzouki e percusións) e Diego Langarika (guitarra acústica e bouzouki): Ghaveta. Nese concerto xuntáronse por primeira vez os catro e xa nunca deixaron de facelo. Este sábado subirán ao escenario da praza da Quintana para amosar aos presentes o seu proxecto, que arrolado polo Atlántico en Vigo mestura as propias composicións coa recollida de pezas tradicionais. «Buscamos nas nosas raíces máis antigas», explica Diego Langarika. «Na zona onde vivimos, en Mondariz, Pazos de Borbén, Pontecaldelas e Redondela, aínda queda folclore vivo». Aínda se ve ás mulleres cantar cada noite. «Alucinamos con iso e moitas pezas son sacadas de aí». Pero «hai que seguir creando, porque igual que esta xente creaba pezas, nós temos seguir facéndoo», subliña Langarika.

Desa creación continua naceu, no 2015, o seu primeiro disco. Como «vimos que as cousas estaban un pouco difíciles», o disco Disque foi financiado a través dun crowdfunding, no que xuntaron máis de 2.000 euros e que rematou cun concerto na Fundación Sales de Vigo. Ese disco poderá escoitarse en directo este sábado no Certame Folk, o festival de música de raíz que promoven o Concello e La Voz de Galicia. Para esa actuación, Ghaveta ten reservado algo especial. En primeiro lugar, non tocarán sós, porque con eles estarán Lagharteiras, «un grupo de pandeireteiras que é un referente». Xa fixeran unha primeira incursión hai uns meses en Vigo: «Montamos unha peza con elas para un concerto que fixemos no concello». Nesta ocasión, Ghaveta e Lagharteiras prepararon dúas pezas máis, que se estrearán en exclusiva na cita do sábado na praza da Quintana.

No inverno, ao estudo

Disque naceu hai dous anos, e dende aquela os compoñentes de Ghaveta non deixaron de compoñer. Así que xa teñen temas e «se todo vai ben, este inverno esperamos empezar a meternos no estudo» para avanzar un pouco máis no concepto que xa amosan en Disque. Todo, nun momento creativo para o panorama da música tradicional galego «moi creativo», segundo define Diego Langarika. «Seguimos coa mesma temática, pero queremos darlle unha volta sobre todo a nivel de harmonía e cores», porque o seu primeiro LP «foi unha toma de contacto» e agora queren que sexa un pouco máis acougado.