«Queremos un concerto singular»

Tamara Montero
tamara montero SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

Ana Garcia

Logo de varios anos sen ter actuado en Compostela, Milladoiro volve á Quintana para repasar temas clásicos e amosar a súa evolución sonora

21 jul 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Como o espazo é un sitio singular tamén queremos que o concerto sexa singular». Os compoñentes de Milladoiro volverán a Compostela varios anos despois de dar o seu último concerto e vano facer cunha actuación na que contarán con colaboradores especiais, como son a Dominic Graham School e os bailaríns Eva Faraldo e Jesús Quiroga. Será este concerto especial o que peche o Certame Folk que terá lugar mañá na praza da Quintana, unha sexta edición que traerá ademais o recendo do Mar de Irlanda. Por primeira vez, a cita coa música de raíz durante as festas do Apóstolo levará apelido internacional, o que achega a Dominic Graham School.

Fala Pepe Ferreirós do carácter especial da Quintana e de que un lugar así precisa dun concerto diferente. «Son bastantes anos», recoñece o membro dunha banda que leva xa 40 anos defendendo a música tradicional galega. Pero é que Galicia é un país grande pechado nunha xeografía cativa, e ás veces hai que deixar pasar un tempo antes de regresar. «Hai que establecer uns períodos de descanso, porque ou tes cada ano ou cada dous anos un espectáculo novo, que non é o caso, ou hai que espazar».

Ese barbeito remata mañá. E remata cun repertorio que incluirá os temas clásicos que a xente reclama en cada actuación de Milladoiro, pero que tamén levará novas creacións. «Cada pouco tempo vas incluíndo repertorio, como é o lóxico», di Pepe Ferreirós. Porque para o público pode pasar desapercibido, pero «para os músicos chega un momento que tes cambiar, aínda que terá o teu selo particular».

A longa traxectoria do grupo tamén fixo que os seus membros fosen cambiando. Hai uns poucos anos que Milladoiro ten novas incorporacións, e esa pegada dos que acaban de chegar tamén se ve na evolución do grupo. «Traballamos dunha maneira moi democrática, todo se debate moito. E como hai xente nova, esa xente nova participa e amosa as súas ideas».

Así que Milladoiro ten «unha nova sonoridade sen perder, loxicamente, o teu son particular, porque iso tamén é parte do grupo» explica Ferreirós. Porque unha banda se consolida cando ten un son que os define, e Milladoiro ten ese son especial. «Se unha persoa viu a Milladoiro hai sete anos e o vai ver mañá, vai notar que si, que é Milladoiro, pero o son vai ser diferente». É Milladoiro, pero non exactamente o mesmo Milladoiro.

Un novo pulo

O Certame Folk -que promoven o Concello de Santiago e La Voz de Galicia e no que colaboran Agadic, Galicia Calidade e St. Petroni- non só se nutre de voces da música tradicional consolidadas como Milladoiro, senón que tamén dá espazo a novos proxectos, como os vigueses Ghaveta ou as pandeireteiras de Mos Lagharteiras. A través dos seus 40 anos de experiencia, a banda ten visto nacer, medrar e estourar o panorama folk galego. «Dende que nós comezamos a hoxe en día mellorou moitísimo, é irrecoñecible», di Pepe Ferreirós, que porén alerta de que «dun tempo a esta parte hai un parón, e de feito houbo grupos que incluso tiveron que deixalo». Por iso, Ferreirós pide que «non se perdan as perspectivas», porque se ten camiñado moito, moitísimo, durante estas catro décadas. Lembra Pepe Ferreirós aqueles anos, os seus primeiros anos, nos que miraba con envexa ao que se facía noutras partes de Europa. Pouco teñen que ver aqueles tempos cos actuais, nos que «saes a calquera sitio en pé de igualdade ou incluso mirando por riba do ombreiro», di entre risos. Por iso «todo o que se conseguiu é unha pena que se perda».