María do Cebreiro: «Son o froito da historia de amor de meus pais coa poesía»

Elisa Álvarez González
Elisa Álvarez SANTIAGO / LA VOZ

SANTIAGO CIUDAD

SANDRA ALONSO

Apaixonada das árbores, vive en Sar, onde cruza a ponte «e síntome na miña aldeíña»

01 oct 2018 . Actualizado a las 05:00 h.

O seu nome de pía xa di moito. María do Cebreiro chámase así porque seus pais, Helena Villar e Xesús Rábade, casaron no Cebreiro. Os dous son poetas, en certa maneira a poesía uniunos, e coa súa filla maior tamén buscaron un nome poético. Pero María do Cebreiro Rábade Villar (1976) asegura que investiu moita enerxía en elixir o seu propio camiño, «e prescindir dos apelidos no meu nome poético foi algo deliberado». Aínda así, ten claro que «sería absurdo dicir que meus pais non tiveron nada que ver, obviamente é a vocación e a profesión de meus pais, e que sexa a miña é por algo», conta.

Quixo ter voz propia -«algo que creo que é moi san»- e ademais hai moita diversidade entre as apostas literarias de Helena, de Xesús e a súa propia, «aínda que cos anos faste máis consciente das débedas que tes cos teus pais e do agradecemento, sobre todo porque eles amaban e aman o que fan». É máis, afirma, «son o froito da historia de amor de meus pais coa poesía».

Sempre escribiu. Era nova cando publicou o seu primeiro libro. Nin pensaba en facer unha carreira profesional na escrita. Chegou á universidade con dúbidas, Filosofía ou Filoloxía. Tantas dúbidas tiña que conta unha anécdota moi gráfica: «Crin estar matriculándome en Filosofía, pero como dubidara ata o final, ao final deixei Filoloxía. E aínda me sigo debatendo porque a miña investigación literaria ten moitísimo que ver coa filosofía».

Despois de rematar a carreira fixo numerosas estancias no estranxeiro. Andou por Barcelona, Bos Aires, A Habana, Nova York, Zürich, Lisboa... «Defendo cen por cento a experiencia, pero quería volver, son moi galega», lembra. Máis que galega, compostelá, «penso que as persoas precisan arraigo, e o meu está conectado non tanto con Galicia senón coa miña cidade, tírame moito».

Porque, ademais, a súa vida sempre estivo vinculada á zona vella. Seus pais vivían na Virxe da Cerca, logo fóronse á rúa dos Xasmíns, a primeira casa de alugueiro que considerou como propia estaba na rúa de San Pedro e agora vive en Sar, «que é xa o meu barrio». Séntese unha veciña máis, «eu chámolle a aldea de Santiago, cruzo a ponte de Sar e xa me sinto na miña aldeíña».

Optimista por natureza, di que a poesía galega está máis ca ben, «ten unha saúde excelente». E dá nomes. De mozos que están saíndo das súas aulas e xa están facendo cousas interesantes nesta disciplina. «Se cadra hai uns anos a cousa estaba algo esmorecida, pero desde os últimos cinco anos está que arde», admite con entusiasmo. Ese entusiasmo tamén o leva desde hai un tempo ao decanato de Filoloxía, onde é vicedecana. Aceptou «porque, como se acostuma dicir, fixéronme unha oferta que non podía rexeitar». O equipo quere abrir a facultade á sociedade, e que a sociedade entre na facultade. E estano conseguindo. Música e teatro no salón de graos, un certame de rock no Principal... «O noso lema é que a facultade saia ao mundo e que o mundo entre na facultade».

Pasou uns anos de certa inestabilidade ata que conseguiu unha praza no centro, «polo que cando se fala da precariedade sei moi ben do que se fala, pero tamén sei a sorte que teño agora despois de tantos obstáculos», di.

Defende a súa facultade non só pola capacidade de dinamizar a vida cultural, senón tamén por ser un centro moi vivo, «no que escoitas falar todas as linguas». É certo que os estudos humanísticos experimentaron unha crise, «pero hai un discurso social que non os fomenta, moito máis alá da realidade». E pon un exemplo que demostra o contrario: o curso pasado, na materia de Teoría e Crítica Literaria, que coordina, houbo 380 matriculados.

«Algo que me atrae moito de Santiago é a súa dimensión rural, que está na propia cidade»

Unha das cousas que máis lle atrae a María do Cebreiro da súa cidade é a dimensión rural que ten, «que está na propia cidade». Agora que se fala tanto de cidades sostibles e verdes, conta, «non hai nada máis sostible que ver a unha persoa traballando na súa horta». E iso ocorre case no centro da capital de Galicia, lembra esta profesora e poeta. Tiña moitas ganas de volver a Compostela despois de varias estancias no estranxeiro, e, de momento, vese na cidade: «a vida, agora mesmo, téñoa feita aquí». Pero sabe que, se nalgún intre non está a gusto co que fai, marchará, pois «todos temos que saber reinventarnos ao longo da vida. Estou moi contenta e sei que nunca vou perder este raizame, pero non me pecho a nada».

Anda relendo En las orillas del Sar, os poemas de Rosalía de Castro, «que son os primeiros ecoloxistas da literatura galega». E desde que vive no barrio asegura que percibe esa sensibilidade polo mundo natural que tamén tiña Rosalía. Conta entusiasmada un proxecto de investigación no que se vai embarcar co profesor que dirixiu a súa tese e que pretende facer «o mapa das árbores de Rosalía», é dicir, unha cartografía literaria analizando toda a obra da escritora para ver as súas representacións do mundo natural «e para reconstruír o herbario do mundo de Rosalía».

Camiñante e caseira

Recoñécese caseira, quizais porque polo seu traballo ten que viaxar. Película, manta, «facer unha comidiña e gozar da intimidade coa xente que queres». E camiña arreo. Non ten nin coche nin carné, así que non lle queda outra, pero cre que é un luxo camiñar por unha cidade «que aínda que é pequena está chea de recantos, recunchos e corredoiras».