O esforzo da restauración

Xerardo Estévez
Xerardo Estévez PAISAXES E PALABRAS

SANTIAGO CIUDAD

DENÍS E. F.

09 mar 2024 . Actualizado a las 05:00 h.

Sen esforzo individual e comunitario non pode haber sociedades xustas, creatividade artística, educación de calidade, boas prácticas urbanísticas ou capacidade para interpretar o pasado. Esforzo para afrontar a complexidade do mundo, para actualizar o legado histórico e para levar a cabo ideas transformadoras.

Restaurar o patrimonio é, máis ca un asunto técnico, unha cuestión filosófica que ten sido obxecto do pensamento de forma recorrente, porque se enfronta ao desafío de conxugar os tempos do pasado construído, o presente que se habita e o porvir que poida garantir a súa permanencia. Tres tempos que se corresponden con tres etapas da intervención.

Unha primeira fase, previa á elaboración do proxecto, consiste en descifrar e relatar a «historia construída» do edificio, como se fose unha análise filolóxica, pedra por pedra. As pedras son documentos, cada unha ten o seu porqué construtivo e a lectura do conxunto axuda a descodificar a biografía do monumento e o proceso da súa construción. Ao trasladar as hipóteses ao debuxo, traballando en equipo e coa axuda das tecnoloxías permanentemente renovadas, vanse establecendo certezas razoables que guíen a intervención.

A segunda fase é a redacción do proxecto e a conseguinte execución da obra, cuxo obxecto vai máis alá de corrixir as patoloxías derivadas das circunstancias físicas e ambientais. As propostas proxectivas que se van adoptando terían que estar, xa que logo, en relación coa historia construída para resaltar ou mitigar os episodios, memorables ou negativos, da existencia do ben cultural. Nesta etapa é necesario combinar as prescricións das cartas e recomendacións internacionais e os preceptos lexislativos co pensamento propio, porque cada edificio leva consigo un pasado singular. Deste xeito, pódese discernir o fundamental do banal para elixir as capas esenciais, liberar o superfluo e deixar espazo para integrar o momento contemporáneo.

A terceira fase consiste en darse conta de que sempre estamos restaurando, nun proceso cíclico de punto e seguido que require un esforzo sostido. Terminadas as obras, comeza a etapa de observar, analizar, rexistrar, diagnosticar as patoloxías e comprobar o éxito da intervención. É o momento de coidar o monumento para evitar, por exemplo, que volva medrar a herba das viúvas, tan espectacular cando as fachadas florecen no verán pero que tanto dano fai coas súas raíces, e aplicar os coidados que eviten danos maiores. Boas prácticas que a Fundación Catedral de Santiago vén desenvolvendo con eficacia.