«As familias difunden o noso traballo»

La Voz

TEO

08 abr 2012 . Actualizado a las 07:08 h.

Rita Iglesias insiste en que «fóra da escola un neno non ten hoxe moitas oportunidades de falar galego, e iso que en Santiago a situación aínda é ben mellor que noutras cidades, aquí aínda se pode escoitar o idioma nos parques e outros lugares».

-¿Hai dificultades para encontrar praza ao finalizar o período escolar en Raiola?

-A maior parte do alumnado da nosa escola continuou a escolarización nos colexios públicos de Lamas de Abade ou Ramón Cabanillas, non coñezo ninguén que quedase sen escolarizar. Hai máis problemas curiosamente para encontrar praza no segundo ciclo en Raiola, porque ao depender de consellerías diferentes non hai preferencia para pasar dun ciclo para outro.

-¿De onde é o alumnado?

-Veñen de moitos lugares: Teo, Ames, Fontiñas, San Lázaro, rúa de San Pedro... hai xente que cruza todo Santiago para que os seus fillos veñan a esta escola. E moitos recoñecen que o fan porque aquí lles aseguramos que a lingua vehicular do ensino vai ser o galego, como solicitan eles; mesmo familias castelánfalantes que queren que o neno aprenda en galego.

-¿Como conseguen manter esta situación?

-Funciona moito o boca a boca: as familias do alumnado son as que máis difunden o noso traballo, pola lingua, por ser un centro aberto, por pertencer a unha asociación de pais, porque se pode participar na xestión, nas aulas, en facer actividades. Aquí non organizamos festivais, hai festas, abertas á participación dos pais. Seguimos saíndo todos xuntos de excursión os sábados no fin de curso. Na festa de fin de curso os pais e as nais participan moi activamente.

-Hai moita participación, pois.

-Si, e pais e nais que saen de aquí participan noutros colexios da cidade. Ven xente que se move moito, que se implica na educación dos fillos e na vida escolar.