Martiño Noriega: «No último ano aprendín a encaixar»

Juan María Capeáns Garrido
Juan capeáns SANTIAGO / LA VOZ

TEO

Álvaro Ballesteros

O rexedor sostén que empregou as súas enerxías en ordenar o Concello e ve todo «condicionado» polo debate electoral

22 may 2016 . Actualizado a las 16:41 h.

¿Queren saber o que pensou Martiño Noriega (A Coruña, 1975) antes de deitarse cada noite esta semana? No tempo. Nas previsións de Meteogalicia. Da choiva, persistente, depende que se tapen as fochancas, un asunto aparentemente superficial sobre o que xirou o primeiro ano do seu mandato pero que ten a súa profundidade, sen segundas lecturas.

-¿É un bo síntoma de saúde municipal que se fale das fochancas de Santiago?

-Para quen cae nelas, non. Supoño que se acordarán de min todos os días. Pero é bo que de vez en cando a Xustiza lembre de onde vimos, dos casos como a operación Pokémon, porque algúns parece que fixeron un exercicio de tábula rasa na memoria. 

-Para moitos veciños, e incluso para Feijoo, vostede xa é o alcalde que non é quen de arranxar as fochancas. ¿Moléstalle o cliché?

-Que as fochancas sexan todo o problema, porque vanse arranxar, sen dúbida. Pero asumo que iso entra dentro do xogo político. Todo o que acontece estes meses está condicionado polo debate electoral, e eu non lle teño medo, outra cousa é que se utilice isto como eslogan. Eu tamén podería falar da fochanca da Cidade da Cultura, pero non me apetece. A miña preocupación é conectar o Gaiás coa cidade, porque segue vivindo de costas.

-¿Como dosificou as enerxías neste primeiro ano?

-Centrei moitas forzas en normalizar a situación dentro do Concello. Na medida en que a casa funcione ben o cidadán notará unha mellor prestación de servizos, e o feito é que todos os departamentos piden máis persoal porque houbo un ERE encuberto do señor Montoro.

-Tamén a Banda pide músicos. ¿Non falta un pouco de cariño por parte de Raxoi neste asunto?

-Encántame escoitar a Banda, pero desde a naturalidade, non desde a imposición. Eu mido o amor e o cariño polos feitos, e a concelleira está asinando todas as peticións da Banda. O ano pasado renovei o contrato de Romero Llopis (o director) e a decisión de marchar é unilateral; as substitucións fanse... non sei que máis podo facer e recoñezo que iso xera algo de frustración, pero a Banda non vai desaparecer. Investimos 1,7 millóns ao ano e vai seguir funcionando. O que máis me molesta é a instrumentalización social do problema, pero forma parte do xogo. Dito isto, o respecto aos músicos e ao traballo artístico do director é total.

-¿E como é posible que tres persoas con problemas de integración, os do Toural, poñan contra as cordas a unha institución con recursos económicos e decenas de funcionarios?

-Ben (Noriega pide paciencia co xesto). Duplicamos os fondos para traballar cos senteito. Fixemos convenios para potenciar os equipos de rúa. Buscamos solucións habitacionais, con pisos e pensións a disposición... e un pensa, si, estamos traballando e tomando medidas: aínda así, hai xente que non quere a axuda. ¿Piden unha medida rápida? Se alguén a ten que a verbalice. A nivel autonómico non existen os centros integrais, ¡manda ti a esta xente a un xeriátrico! Non queren ir... Por iso entendo o malestar dos veciños e comerciantes, e asumo ese desgaste.

-¿Ata cando é razoable botarlle a culpa á herdanza recibida?

-O cidadán esixe dende o minuto un, e fai ben. Outra cousa é que eu preciso facer diagnose e saber de onde veñen os problemas. No caso da Banda trato de remitirme ao marco legal. Co deterioro da cidade, que é alarmante, ¿que me toca? Triplicar o gasto desde o convencemento de que pode non ser suficiente. Pero confío en que despois do verán se poidan visualizar melloras. Mentres tanto, a encaixar.

-¿E como encaixa iso de que é un dos alcaldes do postureo?

-Nunca infravaloro o simbólico. Non é menor diferenciar determinados aspectos civís e relixiosos, ou retirar as axudas a asociacións provida, máis alá do seu traballo. Pero en realidade estou centrado en cuestións de fondo. Preocúpanme cousas máis importantes que pasan pola acción social, o mantemento da cidade ou a normalización da casa para dar un mellor servizo.

-Falando de servizos, o contrato dos comedores escolares case se atraganta, ¿que pasou?

-Houbo un problema administrativo por unha alta esixencia no concurso que o fixo pouco atractivo para as empresas. A lección política é que se queremos mellores servizos tamén hai que pagalos. Pero todos, as administracións e os pais...

-Na campaña fartouse de falar do Gran Santiago. O balance do ano é unha reunión. Pobre.

-Foi unha reunión de reactivación da mancomunidade, pero para cambiar a filosofía e ter obxectivos concretos.

-Hoxe mesmo, nesta casa, en Ames ou en Teo, ¿hai alguén traballando nesta idea?

-Si. Xan Duro está centrado no parque comarcal de bombeiros e queremos avanzar en cuestións como a xestión conxunta de servizos ou na súa municipalización. ¿Poderiamos pensar en facer a tarxeta da gran capital para usar a piscina de Boqueixón, o Multiusos de Sar ou ter acceso a oferta cultural de Santiago? Si, pero estariamos a xerar expectativas falsas. Con todo, eu veño de volta con este tema, e coa experiencia pasada entendo o escepticismo dalgúns alcaldes.

-¿Que aprendeu deste «intenso» ano, como vostede o describe?

-Sobre todo aprendín a encaixar, e supoño que é positivo