Carme Varela, a mantedora do lume da Fundación Castelao, recibe o Caxato de Pousa Antelo

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

TEO

MARIA RODRIGUEZ

A escritora e historiadora barcalesa sinalou no acto de Teo que «escoitar a Avelino era tocar a historia»

21 ago 2023 . Actualizado a las 11:47 h.

 O pasamento o 20 de agosto do 2012 do galeguista Avelino Pousa Antelo converteuse de seguido nun acto de homenaxe á súa figura e legado coa forma do seu caxato. E quen cada 19 de agosto lembraba en Cacheiras a Ánxel Casal e a todos os represaliados polo fascismo franquista en 1936 agora ten a súa propia homenaxe, tamén en Teo, concello no que viviu a última parte da súa vida.

Nesta ocasión, a receptora do Caxato de Avelino foi Carme Varela, unha das persoas que máis o coñeceu, xa que durante doce anos foi secretaria técnica da Fundación Castelao, que el presidía.

Agradecida por ter recibido este recoñecemento, Carme Varela, escritora, historiadora, autora teatral, colaboradora de Avelino Pousa Antelo lembrou cando con quince anos coñeceu persoalmente a Avelino Pousa Antelo, barcalés como ela. «Escoitar a Avelino era tocar a historia», lembrou en referencia á dilatada traxectoria do finado galeguista, de quen dixo que lle deixara unha lección que sempre ten presente, «a lección de non ter medo nunca».

No seu discurso quixo recoñecer de xeito moi expreso o traballo da Fundación Castelao para recuperar para Galicia ao intelectual e político. E como exemplo dese esquecemento lembrou como no primeiro centenario do seu nacemento, no ano 1986, a fundación apenas tivo apoio, nin sequera do Consello da Cultura Galega, para organizar actos na súa memoria. Por iso incidiu en que a visión de Avelino Pousa Antelo e dos demais membros da fundación fixeron posible a tarefa fundamental de «manter o lume» de Castelao, un traballo que ela mesma quixo trasladar á entidade para facer o mesmo pola cultura galega «e polo país».

No acto de entrega do Caxato de Avelino participou unha das fillas de Pousa Antelo, que agradeceu o traballo de Carme Varela e a amizade que mantivo co seu pai, lembrando tamén vivencias compartidas, como a tristura polo estado da casa de Castelao de Rianxo.

Na homenaxe tamén participou a alcaldesa de Teo, Lucía Calvo, á que a organización do acto agradeceu a súa colaboración. Calvo destacou o legado de Pousa Antelo e lembrou que Teo «é un concello de acollida, sobre todo para boa xente». O programa do día rematou na urbanización Os Verxeles cunha ofrenda floral diante do monólito na honra de Pousa Antelo.

O recente pasamento do escritor Xoán Xosé Fernández Abella, que vivía en Os Tilos, provocou que o acto convocado para destacar o labor de Carme Varela estivese cheo de alusións, e tamén recoñecementos explícitos, ao finado escritor.