Atlético Arousana, a gloria dun líder de comezo a fin

p.p. vázquez VILAGARCÍA / LA VOZ

TORDOIA

As xogadoras do Atlético Arousana celebraron o domingo o seu regreso exprés á Segunda Nacional.
As xogadoras do Atlético Arousana celebraron o domingo o seu regreso exprés á Segunda Nacional. cedida< / span>

O conxunto vilagarcián certificou o ascenso tras figurar no alto da clasificación desde a xornada inaugural do campionato

31 mar 2015 . Actualizado a las 05:05 h.

o conxunto vilagarcián certificou o ascenso tras figurar no alto da táboa desde a xornada inaugural

Cun 9-1 sobre o C.D. Beluso arrincaba o pasado 21 de setembro o Atlético Arousana o seu triunfal paseo pola Primeira División Autonómica Feminina. Unha Liga que pechará a vindeira semana cun encontro de trámite no campo da Lomba fronte ao Valadares, logo de 26 xornadas e de seis meses e medio de liderado ininterrumpido. Un fermoso detalle co que lembrar a desagradable experiencia vivida polo coletivo vilagarcián, que hai algo menos dun ano sufría un descenso desde a Segunda División Nacional nin moito menos previsto no seo do club; o segundo desde que no ano 2000 participara na primeira edición da Liga da categoría de prata do balompé feminino español.

As goleadas foron o pan noso de practicamente todas as semanas no vestiario do Atlético Arousana. Ata en catro ocasións con dous díxitos lucindo no electrónico do cadro amarelo e azul, no 0-10 sobre o Moledo na xornada 3, o 10-1 á semana seguinte ante o Lavadores, o 0-10 fronte ao Cacheiras, e o 14-0, de novo a costa do sufrido Moledo.

Só tres rivais foron quen de restarlles puntos ás pupilas de Luis Treviño. O Val, hoxe terceiro clasificado, cun 3-2 na novena xornada, o Milagrosa, quinto, que empatou a 3 no único pinchazo arousán na Lomba, e o gran e único adversario polo título e a praza de ascenso, o Tordoia, que cun 2-1 o 1 de marzo lle daba emoción ao treito final do campionato situándose a 2 puntos do Atlético.

O retorno vilagarcián á categoría de prata é a crónica dun ascenso anunciado. Tanto a presidenta do club, Aranzazu Ruíz, coma o seu técnico, Luis Treviño, e a capitana do equipo, Carolina Baños, coincidían onte en sinalar que o equipo encaraba a campaña coa meta de «ascender ou ascender».

Ruiz e Baños están curtidas en mil batallas no Atletico Arousana. Incluída a do anterior paso polo purgatorio da Primeira Autonómica, daquelas a Preferente, con idéntico final feliz pola vía rápida ao termo da tempada 2010/11. Quizais por iso o máis ilusionado onte polo éxito fose o debutante Luis Treviño, que falaba en termos de «disfrutar estes días» do ascenso antes de encarar a Copa Deputación e comezar a pensar na planificación da vindeira tempada, na Segunda Nacional. El vese á fronte do proxecto; no club din que inda non toca falar do tema.