López Ferreiro, post mortem

QUIQUE ALVARELLOS

VEDRA

Insólita imaxe do gran historiador en 1910, retratado defunto

03 abr 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Hoxe poden resultar morbosas ou macabras, mais as fotografías de defuntos foron algo habitual dende a propia orixe desta arte. Eran parte do rito funerario, unha forma de render culto derradeiro ao finado. Por exemplo, o gran retratista de Soutelo de Montes, Virxilio Viéitez, deixou varias mostras de velorios e rostros de falecidos. E así o debeu de sentir, o Domingo de Ramos de 1910, o párroco de Vilanova (Vedra), Generoso Salgueiro, cando decidiu sacar el mesmo a fotografía derradeira dun gran home a quen coidaba: o historiador, cóengo, arqueólogo e novelista Antonio López Ferreiro, que acababa de morrer no seu casal de Galegos (no pazo que hoxe é fermoso hotel no val do Ulla). Era a homenaxe final a quen tanto admiraba.

Antonio López Ferreiro foi un personaxe único na Galicia do século XIX. El atopou os restos do apóstolo Santiago en 1879 cando levaban perdidos máis de tres séculos e deixou escrita a crónica deste achado nun texto realmente interesante e moi pouco divulgado hoxe. El é o autor de máis de 5.500 páxinas nos 11 tomos da súa historia da Igrexa de Santiago. El foi tamén un extraordinario novelista en poderosa e rica lingua galega.

Por todo isto, o seu corpo xa amortallado ben merecía esa homenaxe gráfica póstuma. Unha imaxe do improvisado fotógrafo Generoso Salgueiro que non tería chegado a nós se non fose publicada dous meses despois na revista Vida Gallega dentro dunha dobre páxina de tributo ao historiador. E contada a historia logo polo gran biógrafo do noso protagonista, Carlos Santos Fernández.

López Ferreiro, home bo, como reza a placa da súa casa natal na praza da Universidade, semella levar canda el esa bondade no sereno rostro inerte desta insólita foto.

editor@alvarellos.info