Carlos Martínez: «A xente nos pide manter as políticas para as persoas, pero tamén que, por favor, arranxemos as pistas»

Emma Araújo SANTIAGO / LA VOZ

VEDRA

XOAN A. SOLER

O rexedor de Vedra repetiu este 28M  o resultado do 2019 e afronta con maioría absoluta o seu cuarto mandato co Partido Popular

13 jun 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Carlos Martínez (PP) revalidará este sábado o seu cargo como alcalde de Vedra, responsabilidade que asumiu en minoría no 2011 e que no 2015 converteu nunha maioría absoluta de sete actas. Hai catro anos rompeu teito coa oitava, e o pasado 28M co mesmo equipo repetiu resultado, mentres o BNG, con tres representantes, adiantou aos socialistas, que baixaron a dous.

—Como valora revalidar o resultado para un cuarto mandato e cal é a clave para obtelo?

—A gran satisfacción electoral foi que a veciñanza segue confiando en nós. O resultado foi moi bo despois dun mandato moi complicado para todos, con acertos e erros, pero a xente seguiu confiando en que somos a mellor opción para que Vedra avance. A clave pode estar en que somos un equipo unido que se deixa a pel. E penso que parte do noso éxito é a proximidade que temos coa xente. Atendemos e tratamos a todo o mundo sen facer distincións, como ten que ser.

—Fala de acertos e erros. Concrete algún deles...

—Eu son unha persoa que fai moita autocrítica e non me durmo na compracencia. E despois de facer unha escoita activa da veciñanza conclúes que a xente entendeu o que fixemos cando apostamos decididamente polas persoas, polos servizos educativos de conciliación e da terceira idade, pola cultura e as entidades veciñais. Pero tamén dixo que non podemos ter as pistas municipais como as temos. Hai que buscar a maneira de reparalas todas. É absolutamente prioritario, e foi algo que tiñamos que ter visto antes para reequilibrar mellor algúns aspectos das nosas políticas. Agora, a xente o que nos pide é manter as políticas para as persoas, pero tamén que, por favor, arranxemos as pistas.

—En que proxectos traballa máis alá das persoas e das pistas....?

—Temos pendentes e queremos abordar a remodelación integral do centro de saúde, conseguir o centro de día e unha residencia compartida con Boqueixón, e proseguir na ampliación da rede de auga. Tamén avanzar na neutralidade climática na que todos, incluídas as administracións locais, temos que botar unha man.

—É factible abarcar tanto nun concello rural con moita dispersión e cinco mil veciños xustiños?

—Nun concello como Vedra, con 53 quilómetros cadrados de superficie, cinco mil veciños e 130 núcleos sen un que concentre á meirande parte da poboación, cada vez é mais difícil a prestación de servizos e a sostibilidade económica. É o momento de abrir en serio o debate sobre a financiación local, de cales son as competencias propias e as impropias e aclarar como se financian. Os concellos somos a administración máis próxima e todos os problemas chegan a nós. Por riba de siglas, temos que sentarnos todos dunha vez e abordar esta situación. De momento podemos aguantar, pero en trinta anos isto vai ser inasumible para calquera concello rural.

—Vén de repetir un resultado histórico para o PP de Vedra. Como ve o seu futuro dentro de catro anos?

—Unha das cousas que aprendín é que non sei onde vou estar dentro duns anos. Estarei onde a xente, ou a miña familia, quere que estea, tamén onde o mundo me poña. Agora son alcalde de Vedra porque nas pasadas eleccións presenteime de novo porque tiña máis forzas e ganas que nunca para seguir traballando. O meu futuro... Deus o dirá.