A marea que asolaga Ribeira

SOCIEDAD

Unha broma sobre un sorteo marcou hai 66 anos o inicio da festa da Dorna

29 jul 2014 . Actualizado a las 07:00 h.

Hoxe atrae a miles de persoas chegadas de distintos puntos de Galicia e incluso de máis alá das fronteiras da comunidade -cífranse en seis mil as que despediron a última edición coreando aos Diplomáticos de Monte Alto- pero a Dorna, a singular celebración que inclúe actividades coma o Premio Ícaro de Voo sen Motor ou a Rejata de Embarcasións Feitas á Machada, naceu do pobo, dun reducido grupo de veciños de Ribeira. Nas súas orixes, a que agora é unha cita multitudinaria, era unha reunión de amigos ao redor dunhas chiquitas, un encontro que derivou nun baile de gala primeiro e nun sinfín de propostas do máis simpático e variopinto despois.

Para coñecer o inicio desta festa hai que retrotraerse a xullo de 1948. Seguindo a tradición de anos anteriores, a confraría ribeirense sorteaba unha dorna para recadar fondos cos que sufragar as celebracións do Carme. Un veciño, Lucho Sanmamed, fixo correr o falso rumor de que el era o agraciado. Sen pensalo, un grupo de amigos reuníronse nun bar para festexar a boa nova. Pouco podían imaxinar que estaban a sentar as bases da que, co paso do tempo e a través do boca en boca, converteríase nunha das grandes citas lúdicas da comunidade galega.

En aqueles primeiros anos de singradura, a festa cinguíase a un baile, ao que non tardaría en sumárselle un aliciente benéfico: a adquisición dunha dorna para entregarlla, como agasallo, ao mariñeiro más necesitado. A historia desta festa tal e como se coñece agora, con pañoletas, camisetas, xojos e juateque remóntase a 1988. Uns veciños decidiron que chegara o momento de darlle un xiro, mantendo a súa esencia de celebración feita por e para o pobo. Foi entón cando irromperon as peñas. Hoxe son ducias de grupos os que lle dan cor ás rúas da cidade barbancesa, pero por aquel entón, Kirie Eleixon, Cajaboi Island, Berberechos Asasinos, Cabuxos do Mar, Parrochiñas da Ría, Petóns, Pedra Pateira, Nasas, Lorchos, Fanecas Bravas e os Cinco Fodonsiños levaban a voz cantante.

A partir de entón, cada marea dorneira sobe máis ca anterior. Aínda que conta cun orzamento irrisorio, pois nesta cita non mandan as grandes orquestras nin os grupos musicais de primeira fila, cada singradura consegue asolagar Ribeira ao longo dunha intensa semana.

Quedou demostrado na última singradura da Dorna, a número 66, unha edición considerada histórica, tanto pola afluencia de público como pola vistosidade das actividades.