«O maltrato animal sae barato»

Raúl Romar García
r. romar REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

CESAR QUIAN

Rubén Pérez acadou en dous días 82.000 firmas para impulsar unha lei nacional

30 sep 2014 . Actualizado a las 15:44 h.

«Se en Galicia se puido facer, por que non facer o mesmo para o conxunto do Estado». O coruñés Rubén Pérez non só se limitou a facer esta reflexión, senón que pasou do dito ao feito e acaba de emprender unha campaña na plataforma de Internet Change.org na que pide ao Goberno de España que impulse unha normativa marco a nivel nacional en contra do maltrato animal que unifique as lexislacións das distintas comunidades autónomas. Se en Galicia conseguiuse o obxectivo, cunha reforma recente que prevé multas de ata 30.000 euros por casos graves de abusos aos animais, as cousas parece que tamén poden cambiar en toda España. En apenas dous días, a petición do galego acadou máis de 82.000 firmas. E o número segue a crecer.

-¿Esperábase o éxito que está tendo ca súa petición?

-O que evidencia o éxito da iniciativa é que hai moita xente que quere mudar as cousas en defensa dos dereitos dos animais.

-Pero si en Galicia xa acadaron o obxectivo, neste caso a partir dunha proposta da asociación Libera, a que pertence, ¿por qué facer agora unha campaña a nivel nacional?

-Porque hai moitas diferenzas na lexislación entre as distintas comunidades. Necesitamos que o Ministerio de Agricultura e Medio Ambiente estableza unha normativa marco que determine uns mínimos a partir dos cales as comunidades poidan desenvolverse. O que non pode ser é que haxa 17 leis diferentes contra o maltrato animal.

-Poña algún exemplo.

-Non pode ser que en Navarra ou Murcia as sancións por faltas moi graves sexan de 3.000 euros e en Aragón as multas polo mesmo sexan de máis de 200.000 euros. É moita diferenza. O maltrato animal sae moi barato nalgunhas comunidades.

-¿Creen que o ministerio vai reaccionar?

-Sabemos que o ministerio ten un borrador sobre o tema que contempla sancións moi elevadas, pero que quedou nun caixón. O que queremos ca nosa proposta é recuperar o debate e sacar a reforma do caixón.

-¿E Galicia é o exemplo a seguir por como se fixeron as cousas?

-O trámite parlamentario que se seguiu en Galicia para reformar a lei foi impecable, cunha resposta de todos os grupos moi positiva. Pensamos que a nivel nacional debería ser o mesmo.

-Aparte das multas, ¿que outros contidos cre que debería ter a norma nacional?

-Fai falla un bloque pedagóxico, que as administracións fagan campañas de sensibilización dos dereitos dos animais entre a poboación, como se recolle na lei galega. E no currículo educativo tamén se poderían empezar a tocar estes temas. Non digo que sexa unha materia, pero si que se inculquen estes valores nos contidos transversais.

-¿Falta sensibilidade en España sobre o respecto dos dereitos dos animais?

-No eido da sensibilización queda moito por facer. España é o país de Europa no que se producen máis abandonos de animais. E iso é porque falla a concienciación social, pero tamén pola labor das administracións, porque non existe unha acción coordinada en canto as sancións e queda como unha sensación xeral de impunidade.

-Os touros quedan excluídos da lei de maltrato en Galicia e na maioría das comunidades. ¿Reverter esta situación será o seu próximo reto?

-Aquí xa está facendo un traballo importante neste senso a plataforma Galicia Mellor sen Touradas. Só en Cataluña e Canarias non existe esta excepción á lei. En Galicia, como noutras comunidades, o touro ten a mesma consideración que unha pedra.

-Co Toro de la Vega de Tordesillas e outras tradicións similares supoño que pasará o mesmo, que son excepcións a lei.

-É unha aberración que en pleno século XXI se manteñan este tipo de actividades. Como ocorre cos touros, son aberracións que sacan o peor do ser humano. É a tortura pola tortura.