A baixada da Morena converte Laza na Babel do entroido

x. m. r. OURENSE / LA VOZ

SOCIEDAD

Lucía Vidal / Senén Rouco

O pobo ourensán mantén viva a tradición máis ancestral sobre o entroido galego

28 feb 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Laza é o entroido enxebre do triángulo máxico -Verín e Xinzo son os outros puntos-. A súa ubicación e o feito de ser un pobo pequeno fai que se manteñan os sinais de identidade e que os veciños sintan como algo propio apostar polo peliqueiro e por todas as propostas desta festa ancestral. Unha delas, o luns borralleiro, converte a pequena Praza da Picota nunha Babel onde se dan cita os persoeiros máis singulares para vivir a maxia do momento irrepetible no que todo se transforma nunha masa informe na que se mesturan os veciños do pobo, os visitantes que ateigan Laza, a mítica baixada da Morena, o lanzamento das formigas -ben encirradas previamente, con vinagre, para que cheguen adoecidas e con gañas de facerse notar- e de farrapos enchoupados nesa mestura noxenta da que todo o mundo desexa fuxir.

O luns borralleiro é unha desas xornadas nas que se pode facer un curso rápido sobre o entroido ancestral. Pola mañá hai farrapada e saen os maragatos e a Xitanada do Burro e, pola tarde, a Baixada da Morena dende Cimadevila, acompañada das formigas, toxos e cobelleiros. E para rematar, reparto de cachucha con pan.

A tradición manda que a Morena baixe á Picota entre lusco e fusco. E dende horas antes Laza xa non para. Os coches rematan aparcando nas leiras, na estrada hai unha concentración pouco común de autocaravanas e na praza semella que non faría caixa unha coñecida multinacional da roupa: fundas de todo tipo e cor -de construtoras de Verín a empresas navais de Ferrol-, roupa vella, gafas de soldador, botas altas de goma, plásticos varios, paraugas para inserir na cabeza... calquera opción é boa para o obxectivo común, que non é outro que non deixar oco por onde entren as formigas ou os noxentos farrapos. 

De Pekín a Laza

A esencia do entroido gosta; e na Picota xúntanse dende fotógrafos internacionais a etnógrafos, pasando por peregrinos que fan a Vía da Prata e estudantes chinesas que cursan español en Compostela.