Un home bo e xeneroso

SOCIEDAD

28 may 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

A corporación municipal de Tui acordou, por unanimidade, solicitar que o novo centro de saúde local se chame Alejo Diz Jurado. Penso que esta merecida homenaxe foi unha decisión moi acertada. O doutor Diz foi o médico tudense máis relevante do pasado século. Licenciouse en Medicina pola Universidade de Santiago, con só 22 anos, coa cualificación de sobresaínte e doutorouse, pouco tempo despois, na Universidade Central de Madrid. Exerceu a medicina de familia en Tui, a súa vila natal, pero tamén foi alcalde cando a terrible pandemia de gripe que causou moitísimas mortes en todo o mundo. Foi un fervente defensor de dignificar as difíciles condicións do exercicio profesional da medicina rural da época. Nos anos trinta, o Consejo General de Médicos de España encargoulle ir a Dinamarca para estudar os modelos de aseguramento centroeuropeos e analizar a súa implantación no noso país. Despois da elaboración do informe, impartiu conferencias defendendo este modelo. Don Alejo cría imprescindible a solidariedade. Manifestaba que os médicos da época «vían tódolos días os desastres que as enfermidades creaban nos pobres ao non teren, nos seus fogares, recursos para enfrontalas». Foi un visionario. Nos seus relatorios xa fai referencia ao «principio da libre elección de médico» e a os supostos problemas futuros: «Este afán de pedir medicamentos e de preferir o máis caro vai ser un problema corrente no seguro». Cría que a saúde non debe ser un negocio e que os organismos encargados de xestionala «deben de reunir a maior solvencia moral e científica» posible. A xente de Tui da época coñecíao polo sobrenome de «médico dos pobres» porque encarnaba as virtudes da medicina: a benevolencia, a compaixón, a xustiza, a integridade e o esquecemento dun mesmo. O doutor Diz Jurado foi un home bo e xeneroso.