«Eu cantei no Metropolitan»

SOCIEDAD

Pinto&Chinto

Igual non o sabía, pero a Valedora do Pobo é a terceira autoridade de Galicia. Achégome por tanto un pouco intimidado

02 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

Igual non o sabía, pero a Valedora do Pobo é a terceira autoridade de Galicia. Achégome por tanto un pouco intimidado, pero Milagros Otero (Santiago, 1960) móstrase moito máis próxima do que indica o seu rango. Falamos no seu despacho onde o concepto da xustiza xurde constantemente. Cando rematamos pregunta sorprendida: «Xa está?».

-Con que xogaba de nena?

-Eu nacín na casa na que vivo ata o de agora, en Santiago de Compostela, polo que tiñamos xogos de pequena cidade máis que de campo. Xogabamos á corda, á goma, ás tabas... Eu era especialista nas tabas. Na casa xogabamos moito ao parchís, polo que tamén son especialista.

-E o Dereito, de que lle vén?

-A min o que me gustaba era o mundo da universidade. A Historia, a Literatura... O meu interese foi sempre humanístico. Pero o feito que determinou a miña vocación cara o Dereito foi a desesperación incluso física que me producía a inxustiza. Eu pensaba que era preciso facer algunha cousa, que tiña que facer algo para cambiar cousas que estaban mal feitas.

-Modularía esa sensación, porque as inxustizas están a cada paso que damos.

-Non. Segue producíndome malestar físico moitas veces. Mesmo nesta institución sempre digo: temos que buscar o camiño para facer xustiza aínda que ás veces a propia lei non o mostre con claridade.

-Chegou a exercer como avogada?

-Non. Cando rematei a tese de doutoramento comecei a traballar na Universidade. Teño unha vocación profunda de investigación e docencia. Son universitaria de corazón.

-Teño un fillo a punto de matricularse en Dereito. Pode darlle algún consello?

-Que teña ilusión e que busque a forma de realizar xustiza. Os xuristas poden cambiar o mundo.

-Valedora do Pobo... Non pesa moito ese título?

-É unha carga pesada, si, pero dáfoa moitísimas satisfaccións.

-Desconecta cando sae de aquí ou é das que leva o traballo para a casa?

-Lévoo todo. Non desconecto nunca e non o digo como se fose unha virtude. Aquí veñen persoas e ás veces acabamos abrazados e chorando.

-Pois deixemos o traballo un pouco. Que lle gusta facer?

-Viaxar e coñecer xente diferente. Tamén ler, escoitar música, pasear...

-Cal é o sitio máis fermoso que coñece?

-Non me pregunte iso.

-Pois pregúntoo.

-Gústame Galicia porque é a miña terra. Síntome profundamente galega, incluso privilexiada por ser galega. Gústame o mar, pero non ir á praia. Tamén España, que é un gran país. E de fóra, México.

-Elixa unha compañía para ir cear: Merkel, Trump, Macron ou Puigdemont.

-Pois, con ninguén deses.

-Iso non vale.

-Entón con Puigdemont. Interésanme máis os problemas das persoas que teño máis cerca.

-Baila? Que tal se lle dá?

-Si bailo, aínda que non o fago moito. Pero fágoo ben porque teño unha formación musical alta e, por tanto, un elevado sentido do ritmo.

-Formación musical alta?

-Fun cantante mezzosoprano vinte anos. Eu cantei no Metropolitan de Nova York. E en moitos outros lugares do mundo co grupo de cámara da universidade. Sempre música medieval. Pasei momentos marabillosos cantando.

-Que lle dá medo?

-A inxustiza, o desorde, a sinrazón, a falta de entendemento entre as persoas, a perda de valores na sociedade actual, os berros...

-Atreveríase a recitar un verso?

-Claro: Que por mayo era por mayo/cuando hace la calor/cuando los trigos se encañan/y están los campos en flor/cuando canta la calandria/y responde el ruiseñor.

-Imaxino que o fútbol non lle gusta...

-Gústame máis o tenis, que practiquei, pero o fútbol tamén me gusta.

-Cal é o seu equipo?

-O Atlético de Madrid. E os equipos galegos.

-Que lle gusta máis, cociñar ou comer?

-Comer.

-Que tal se leva co móbil?

-Moderadamente ben. Non teño Facebook, por exemplo. Téñoo pero non o alimento. As redes sociais non as utilizo.

-Dígame unha canción.

-Iso é moi complicado. Hummm. Sinto algo moi especial cada vez que escoito o himno do Antigo Reino de Galicia.

-Que é o máis importante na vida?

-Vivila de forma honrada e decente. Que non te avergoñe facendo o máis que poidas facer do mellor xeito posible.

Muy de cerca

Milagros Otero Valedora do Pobo