Einstein tamén fala en galego

Montse García Iglesias
Montse garcía SANTIAGO / LA VOZ

SOCIEDAD

A primeira edición da obra do científico sobre a teoría da relatividade foi traducida cen anos despois e inclúe tamén estudos complementarios de Mira e Díaz-Fierros

24 jun 2017 . Actualizado a las 05:00 h.

«Se en galego está o Ulises, o Quixote e a Biblia, tamén ten que estar a Teoría da relatividade», afirma o físico Jorge Mira. Xa é unha realidade. O Consello da Cultura Galega acaba de publicar a primeira tradución a esta lingua da obra do científico alemán Albert Einstein sobre a teoría da relatividade. Para iso tomou como base a edición inicial do traballo, que veu a luz hai cen anos, na primavera de 1917, en alemán. 

A publicación Verbo da teoría da relatividade restrinxida e xeral, ademais da tradución ao galego do traballo de Einstein, tamén recolle dous estudos elaborados polos científicos Jorge Mira e Francisco Díaz-Fierros, responsables da publicación, que contextualizan a obra no mundo científico e no eido galego.

A tradución foi realizada por Patricia Buján Otero coa revisión científica de Jorge Mira, quen destacou a minuciosidade deste traballo, chegando incluso a consultar algúns conceptos cun premio nobel alemán de física. Ademais, escolleron a edición de 1917 por non ter engadidos.

«A Teoría da relatividade é unha obra fundamental e ten o valor engadido de que é un dos primeiros libros de divulgación científica da historia», explicou Mira, recordando que estas ideas tiveron un gran impacto no seu momento, convertendo a Einsten nun personaxe moi popular. «Dentro de 500 anos, cando se faga a análise do que foi o século XX, recollerán as Guerras Mundiais e a teoría da relatividade», engadiu o físico, lembrando que esta última «é un dos principais paradigmas que temos para comprender o mundo». Neste senso, incide en que a teoría da relatividade universal é o actual xeito de entender a gravitación, mentres que da teoría da relatividade restrinxida sae a ecuación que daría lugar á bomba atómica.

Esta tradución foi presentada onte coa participación do presidente do Consello da Cultura Galega, Ramón Villares, e dos dous coordinadores. Villares indicou que esta publicación demostra que «o galego non é unha lingua poética, senón completa, que é capaz de soster calquera disciplina». Pola súa parte, Díaz-Fierros fixo referencia ás reaccións en Galicia á teoría da relatividade, lembrando que Manuel Antonio lle dedicou un poema.