TVG emitirá oito obras de teatro galego adaptadas para televisión

La Voz REDACCIÓN / LA VOZ

SOCIEDAD

TVG

02 mar 2024 . Actualizado a las 16:27 h.

Televisión de Galicia emitirá obras de teatro galego adaptadas para televisión nun proxecto audiovisual que inicia a súa produción nos próximos días. En total, no espazo en Fila 1, Butaca G, programaranse oito obras recoñecidas polo público e a crítica, que se gravarán para a súa emisión na pantalla no auditorio de O Grove (Pontevedra) con presenza de público e con diversos artistas convidados.

Deste xeito creativo a canle pública pretende poñer en valor, e a disposición dos televidentes, algúns dos mellores exemplos da dramaturxia galega actual.

O proxecto, da produtora Tamboura, abrangue oito obras teatrais. Estas son Somos criminais, de Aíné Producións; Hoy puede ser mi gran noche, de Teatro en Vilo; Saaabor!, de Cultura Activa; Chungo, de Luís Zahera; Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro; Códice K, de Ainé Producións; Amantis, de Rebordelos, e DEP, unha comedia de morte, de Malasombra Produciones.

O obxectivo da televisión pública galega é aproveitar e divulgar o traballo realizado polas compañías, actores e actrices da comunidade para levar o teatro a todos os galegos a través dos medios públicos. Isto permitirá destacar o calibre artístico dos profesionais galegos do ámbito da interpretación e representación galegos e brindarlles unha plataforma de visibilidade.

Ademais, Fila 1, Butaca G poñerá en valor a destacadas directoras, como Tamara Canosa, Andrea Jiménez e directores e guionistas como Manolo Cortés, Tito Asorey, Cándido Pazó ou Avelino González, entre outros.

Cada obra será presentada dentro do seu contexto a mediante a aparición de caras coñecidas que falen e comenten o espectáculo desde o humor e cos seus coñecementos artísticos, o que completará o proxecto presentando as obras, contextualizándoas e aportando unha reflexión final.