Patrocinado porPatrocinado por

Pomba do Arco, desde Foz vinte anos marcantes na historia da Galiza

AGRICULTURA

28 nov 2009 . Actualizado a las 02:00 h.

É ?????unha satisfacción grande voltar a Foz, vinte anos despois. 1989-2009: vinte anos que dan para examinarmos o que mudou -para ben ou para mal- e o que segue aínda pendente de solución, que non de disolución, como algúns pretenden. Xoguemos coas letras-sons de Pomba do Arco: sendo as vogais dunha e doutra palabra iguais, atribuirémoslles unha única continuación. Diremos:

P

, de Pomba, ímola converter en P de Patria, a nación querida, sentida e pensada como tal, porque, ao igual que os nosos clásicos, queremos que a terra sexa tamén Terra para todos nós.

O O vai ser de obstáculo, de obstrución e, así mesmo, de política obstrucionista. Dicía Rigoberta Menchú, dirixíndose aos poderes imperialistas: "No nos echen una mano, por favor! Retiren la que nos tienen al cuello!". Nós, galegos, tamén podemos reclamar menos "axuda" baseada na superstición de que somos un país subsidiado e permanentemente necesitado do "pai-Estado" e máis autonomía real: financeira, fiscal, para marcarmos directrices políticas convenientes ao desenvolvemento da Galiza e para romper a súa dependencia. Somos potencia pesqueira; podiámolo ser en construción naval (xa o fomos), en agricultura, no sector pecuario e lácteo... ¿Quen obstrúe, quen provoca que andemos, tantas veces, co freo de man posto no vehículo económico?

O M de pomba ímolo considerar como letra, tal e como prescrebe a ortografía, mais tamén como N. Vai ser M de mulleres, naturalmente, porque estes vinte anos coñeceron, afortunadamente, unha emerxencia e publicidade da Humanidade declinada en feminino que non clausurou en absoluto as súas demandas mais que acadou unha visibilidade necesaria. É de esperar que a tan restrita paridade se estenda -para non ser unha impostura ou unha coartada do inmobilismo- á igualdade salarial, ao recoñecemento de iguais direitos laborais e sociais para oficios e profisións absolutamente feminizadas, para unha moito maior protección do exercicio da maternidade e da paternidade... e aínda un longo etcétera.

O N , por suposto, é N de nación: porque tal é a Galiza, obxectiva e documentadamente. Non é a nación un invento ou un capricho dos nacionalistas. O que tal se chama será chovinismo, será imperialismo: é a antítese mesmamente do nacionalismo galego. Este nace dun prohibicionismo previo, dun negacionismo; o español, de todo o contrario, dunha hiperafirmación. Recordaremos igualmente como o nacionalismo galego xermola no século XIX e acada o seu desenvolvemento na primeira metade do XX. Os de hoxe somos herdeiros e seguidores daquel pensamento, daquel traballo dignificador, onde locen nomes tan vinculados a esta comarca como os de Antón e de Ramón Vilar Ponte.

O B encabeza o indesexábel: a baixeza; a condición do galego como lingua de segunda, como lingua B na súa propria casa, o que segue a xustificar a loita continua contra todos os intentos de perpetuar o seu abaixamento, a súa ocultación.

O A só pode ser inicial do amor que esta nosa nación -e con ela todos nós- merece: isto é, un aumento exponencial da nosa autoestima colectiva, do noso autoaprezo, tan danado, tan mancado, tan submetido a autodio secularmente. O mellor do noso pensamento, da nosa tradición cultural, loitou contra estes contaminantes inoculados no noso ser colectivo. Se amamos o país, quereremos coñecelo e melloralo, como nos acontece con todo o que é obxecto do noso afecto. Significará deixarmos de practicar o deporte, tan galego, de confundírmonos de inimigo ou de agresor e de perdermos enerxías estupidamente en combaternos internamente. Castelao xa diagnosticou isto perfeitamente, e van alá noventa anos...

O R permitiranos un xogo fonético entre dúas palabras antitéticas. Diremos non á resignación; si á reasignación, isto é, á procura dun outro papel da Galiza no Estado español e en Europa; da súa lingua, da súa cultura, da súa economía.

O C , naturalmente, é C de cultura necesaria. Amigas e amigos, non debe ser un ornamento prescindíbel nen un obxecto de consumo esporádico. Se somos humanos é porque nos dotamos de linguaxe, de memoria, de acumulación cultural. E, por suposto, todas e todos temos moitos máis anos dos que indica o noso documento de identidade: porque provimos dunha historia, dunha familia, dunhas prácticas sociais comúns, dun patrimonio colectivo que non se debe estragar nen sacrificar en alteres alleos.

Parabéns a todas e a todos os que, durante estes vinte anos, fixestes posíbel tan feliz aniversario! Que, como recordou X. Xoán Barreiro, nos volvamos ver dentro doutros vinte, nun estado presentábel, a poder ser!