Patrocinado porPatrocinado por

Valorizar os mellores meles do Deza, a través dun concurso

amelia ferreiroa LALÍN / LA VOZ

AGRICULTURA

Cedida

A delegación da Asociación Galega de Apicultura informou das actividades

05 dic 2023 . Actualizado a las 05:00 h.

Lalín acolleu a asemblea xeral ordinaria anual da delegación da Asociación Galega de Apicultura (DAGA do Deza) na que, despois do relatorio das actividades levadas a cabo neste exercicio, se deron a coñecer futuros proxectos. O colectivo que conta actualmente con 34 socios, cifra que pretende incrementar, ten previsto celebrar no mes de xaneiro o primeiro Concurso de Meles do Deza, co gallo de dar a coñecer ao público en xeral e aos visitantes a excelencia dos meles da bisbarra. Estableceranse as categorías de monoflorais de castiñeiro e ericas e multifloral, podendo participar os abelleiros con meles do ano 2023 cunha produción que non conteña un máximo de 18, 5 % de humidade e que non estea fermentada. A inscrición no concurso está aberta a apicultores da comarca, sexan socios ou non da Asociación Galega de Apicultura, e de fóra que estean na DAGA. Os premios consistirán en diplomas acreditativos e lotes de material apícola e produtos galegos.

A delegación propiciará a participación de apicultores da zona no Programa de Selección da Abella Negra Galega nunha alvariza da Serra do Candán, e impartirá charlas sobre o trampeo primaveral e o control remoto da vespa velutina. Anunciouse tamén a impartición dun curso de cría de abellas raíñas, primordial para a mellora xenética, outro sobre a división de colmeas e finalmente un terceiro que versará sobre o tratamento con ácido oxálico contra a varroa, co obxecto de garantir o principal problema sanitario e destrutivo das abellas. O 20 de maio, coincidindo co Día Mundial da Abella, estarán presentes nos colexios da zona.