Patrocinado porPatrocinado por

«Dende marzo pechamos vendas de lotes de madeira por uns 200.000 euros»

Olimpio Pelayo Arca Camba
o. p. arca SANTIAGO / LA VOZ

FORESTAL

PACO RODRÍGUEZ

O fradense sinala que se suman cada vez máis particulares e madeireiros a unha ferramenta deseñada para eucalipto e pino

06 sep 2022 . Actualizado a las 09:43 h.

Cristian Carneiro é o impulsor da app Subasta Forestal, que dende o pasado marzo permite as poxas de madeira en liña. Contou cunha axuda de Agader, a través de Asdecomor, para poñer en marcha unha aplicación que manexa dende Castiñeiro Redondo, en Frades.

—Como xurdiu a idea?

—Para axudar aos propietarios a que vendan a madeira ben, e tamén aos madeireiros, que ás veces teñen falta de madeira para que cubrir as súas cotas de venda ás fábricas e teñen así un espazo máis onde atopala.

—A aplicación inclúe dúas especies de pino (país e insigne) e dúas de eucalipto (nitens e globulus). Non entran madeiras autóctonas?

—As especies autóctonas teñen o problema dos permisos de corta. Podes ir ver a madeira, pero non sabes para canto volume se aprobará o plan de corta. A plataforma está pensada para pino e eucalipto, que son as de maior saída industrial. A madeira que se vende ten como destino principal fábricas de taboleiro de madeira e papeleiras, de Galicia e tamén de Portugal.

—En que prezos se está movendo a madeira na aplicación?

—Un lote de mil toneladas de eucalipto pode alcanzar na poxa entre os 55.000 e os 60.000 euros, cando nunha venda directa pode situarse entre os 45.000-50.000 euros. Os vendedores poden acadar na poxa entre un 10 e un 20 % por riba do prezo de mercado.

—Cal é o volume de transaccións dende que empezou coa aplicación?

—Dende marzo pechamos vendas de lotes por uns 200.000 euros. Os vendedores son das provincias da Coruña, Pontevedra e Lugo, mentres os compradores son das catro provincias galegas. Vanse sumando cada vez máis, e temos rexistrados 135 compradores de madeira e uns 300 vendedores. Estou satisfeito destes primeiros meses, non contaba ter tantas poxas.

—Como é un día de traballo?

—Falo cos vendedores, axúdolles a subir as fincas, e logo vou ver a madeira, para ver o prezo mínimo que lle queren poñer, intentando que non estean fóra de prezo. Logo aviso aos madeireiros da zona máis próxima ao terreo en cuestión, que tamén van ver a madeira, e empezan a poxa. A nosa ganancia é o 2,5 % do importe total da venda.