Patrocinado porPatrocinado por

O Mes Gandeiro do Valadouro arranca este sábado coa Feira das Razas Autóctonas

La Voz

GANADERÍA

Presentación do Mes Gandeiro do Valadouro
Presentación do Mes Gandeiro do Valadouro CEDIDA

Ao longo do programa haberá actividades formativas, concursos e degustacións

02 feb 2024 . Actualizado a las 13:38 h.

O Mes Gandeiro volve en febreiro ao Valadouro para a posta en valor da gandería e a promoción das razas autóctonas. O formato mensual, que xurdiu o ano pasado para dar un novo pulo á feira gandeira que se viña organizando en anos anteriores, celebrarase os tres vindeiros sábados -os días 3, 10 e 17 de febreiro-, centrando cada xornada nunha das áreas.

O deputado de Medio Rural da Vicepresidencia da Deputación, Daniel García, e o tenente alcalde e concelleiro de Medio Rural do Valadouro, Eduardo Chao, presentaron este mércores o programa no recinto que acollerá as feiras cada sábado.

As actividades comezarán esta fin de semana coa V Feira de Razas Autóctonas da Mariña a partir das 10 horas no aparcadoiro municipal de Ferreira, ao carón da piscina. Esta cita contará cun concurso morfolóxico de cabalo de Pura Raza Galego coas seccións de sementais, eguas e poldros (nados no 2024, 2023 e 2022). Xa pola tarde, ás 16.30 horas, celebrarase a primeira proba do III Campionato Galego do Cabalo Marchador Galego en dúas categorías.

Durante toda a fin de semana ademais nos distintos locais de restauración do Valadouro poderase degustar carne de poldro de cabalo de Pura Raza Galega 100% Raza Autóctona.

O sábado día 10 celebrarase unha formación entorno ao Real Decreto 1053/2022 de Ordenación das Granxas Bovinas na que, entre outros aspectos, se asesorará ás gandeiras e gandeiros sobre a nova lei de de proteción dos dereitos e o benestar dos animais, coa que deberán ter un veterinario de referencia na explotación.

Para rematar, o 17 de febreiro terá lugar a II Feira de Gando no aparcadoiro municipal, mentras que no Camiño da Granda terá lugar o III Concurso de Andadura Galega da man de Puraga. Ambas actividades arrancarán pola mañá. Ao tempo, durante a fin de semana, Asoporcel promove a degustación gratuíta de carne de porco celta nos locais hostaleiros.

García destacou «a importancia de levar focalizar estas actividades ao longo dun mes, que permite potenciar o sector primario e, especialmente, a actividade gandeira, poñendo en valor a tradición desta área da provincia na cría de cabalos e gando vacún. Dende a área de Medio Rural sabemos a necesidade de desenvolver programas que permitan a promoción da gandería extensiva e das razas autóctonas para dinamizar o rural tanto social como economicamente, ao tempo que axudamos na conservación do territorio», sinalou. 

Chao explicou que o formato do Mes Gandeiro, que O Valadouro puxo en marcha o ano pasado, repítese xa que «isto permite desenvolver as actividades e dedicarlles o tempo que cada unha delas require. Ademais,permite dar importancia a citas como a V Feira Gandeira, que xa é un referente na comarca e en toda a provincia e permite visibilizar un sector que produce alimentos de grande calidade», argumentou.