Patrocinado porPatrocinado por

Animais negociadores

Rosa Quintana
Rosa Quintana TRIBUNA

SOMOS MAR

15 dic 2016 . Actualizado a las 05:00 h.

Ohome é un animal que negocia, dicía o economista e filósofo escocés Adam Smith. Niso foi no que se converteu esta semana España ante a UE: nun animal negociador. O Estado partía dunha complicada proposta pesqueira na que imperaba máis a restrición que o sentido común e na que os responsables en Bruxelas de cortar o bacallau parecía que descoñeceran que detrás de cada rede e de cada anzol están os ollos dos que se ven obrigados a deixar no mar o peixe que eles mesmos ven, pero que lles aseguran que non están.

España traballou, as comunidades autónomas traballamos, e o noso sector fíxoo connosco. Unidos, cargámonos de argumentos para facer entender a Bruxelas que non hai Europa se non empezamos a ter en conta que é imposible de soster un sistema que se basea integramente no medioambiental sen ter en conta o impacto económico e social. A batalla non se presentaba sinxela, pero librouse. Non é cousa de ser triunfalistas, pero si é certo que temos motivos para estar máis satisfeitos hoxe que hai apenas tres días. Satisfeitos dun xeito contido, reservado, pero satisfeitos. Digo isto porque é evidente que non podemos estar contentos mentres teñamos unha soa flota que se poida ver afectada polo máis mínimo recorte, pero tamén é evidente que comprimir sensiblemente a redución que se nos pedía é un logro. Un logro no que tivo moito que ver a defensa a ultranza que fixo a ministra de Pesca, Isabel García Tejerina, polos intereses dos nosos pescadores durante unhas negociacións que non cabe dúbida de que estiveron ben argumentadas desde o punto de vista científico e socioeconómico.

Foi deste xeito como se conseguiu, por exemplo, que a drástica baixada que se propoñía inicialmente para a pescada sur quedara reducida a menos do 1,5 %, ou que mesmo se conseguise un incremento desta mesma especie do 10 %, acadando unha cota histórica, para augas do Gran Sol. Foi así como se logrou, en augas do Cantábrico, un aumento do 14 % para a xarda, dun 72 % para o lirio, un 54 % para o rape ou un 10 % para a raia.

Somos conscientes de que o camiño que queremos é outro, aquel que pasa por que España (e Galicia especialmente) recuperen o lugar que nunca debemos abandonar cando hai 30 anos alguén decidiu usar a pesca como moeda de cambio para permitir a entrada do Estado na UE. Esa é a difícil (pero non imposible) liña na que vimos traballando para que, cada ano ao chegar esta época, non nos vexamos obrigados a ter que conter a respiración máis ca outros. Esa é a nosa negociación. Porque os homes e as mulleres somos animais que negocian.