Galicia reivindícase como «nación cultural» no PEN Internacional

xosé manoel rodríguez OURENSE / LA VOZ

CULTURA

Santi M. Amil

No congreso de Ourense participan 75 centros de todo o mundo

27 sep 2016 . Actualizado a las 13:11 h.

«Galicia é unha nación cultural e, como tal, debe desenvolverse no concerto das mulleres e homes que teñen man do mundo coas súas palabras». Deste xeito se dirixiu Luís González Tosar, presidente do PEN Galicia, aos participantes na gala de apertura da 82.ª edición do Congreso do PEN Internacional. Co acto do Teatro Principal de Ourense abriuse unha cita na que están acreditados 194 representantes, de 75 centros de todo o mundo, que van ter presenza nas xuntanzas de traballo, mesas redondas e debates que se van desenvolver ata o vindeiro domingo.

A gala inaugural do congreso foi presentada por Bieito Iglesias e a proposta Ourense literario lembrou aos escritores da provincia que formaron parte do PEN: Eduardo Blanco Amor, Carlos Casares, Antón Risco, Antón Tovar, Pura Vázquez, Marcos Valcárcel e Xosé Fernández Ferreiro. Na súa intervención, González Tosar tamén apostou por darlle maior pulo e presenza internacional «a unha das linguas máis antigas de Europa» e lembrou que o título do congreso, Erguendo pontes literarias, está vencellado ao feito de que dende o PEN Galicia «concibimos a literatura galega como unha ponte entre dous grandes ámbitos literarios: o mundo hispano e a lusofonía». A presidenta do PEN Internacional, a escritora mexicana Jennifer Clement, anunciou o comezo «dunha campaña mundial que ten que ver coas persoas desprazadas» e amosouse especialmente satisfeita de estar en Galicia: «Porque o PEN Internacional defende as culturas fráxiles, por iso estamos interesados no que ocorre co idioma galego».

No acto do Teatro Principal tamén interviron o presidente da Deputación, José Manuel Baltar, e o alcalde da cidade, Jesús Vázquez. Esta tarde comezan as actividades abertas ao público, cunha conferencia sobre escritores, xornalistas e blogueiros perseguidos no Tíbet.